O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará en 2024 de forma pioneira e “novidosa” a ‘Cota cero’ para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos. Deste xeito, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano.
“Galicia é unha terra de emprendemento e ten unha rede
sólida que hai que manter e apoiar desde a Xunta”, defendeu Rueda sobre a
necesidade desta medida de “estímulo e apoio” que se recollerá nos Orzamentos
de 2024. Deuna a coñecer hoxe tras a súa participación na Mesa do Autónomo,
celebrada no espazo coworking Dálle que dálle en Vilagarcía de
Arousa, onde estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e
Igualdade, Elena Rivo.
O Goberno galego investirá nesta medida 9,6 millóns de
euros, coa que se prevé chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas
axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma.
Precisamente, o mandatario galego destacou o feito de que a esta partida se
engade a outras de apoio recollidas nos Orzamentos de 2024. Así, tamén adiantou
que “se duplicarán” ata acadar os 20 millóns de euros as axudas a este sector
para cubrir os gastos da primeira actividade. En total, sumando outras
iniciativas de apoio, mantemento e fomento, precisou que se destinará o ano que
vén a “cantidade importante” de 45 millóns de euros ao emprego autónomo.
Segundo especificou, sumando a ‘Cota cero’ e estas
axudas, cada nova persoa autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8.600
euros en achegas.. O mandatario
galego puxo en valor esta aportación, xa que considerou que se trata dunha
contía significativa para pór en marcha primeiros proxectos e ideas, á vez que
para garantir o revelo xeracional neste sector, xa que advertiu que este eido é
dun dos “grandes retos” que ten por diante o tecido autónomo en
Galicia.
Importancia dos autónomos na economía galega
O mandatario galego incidiu no valor destas
medidas coas que o Goberno autonómico contribúe a seguir convertendo a Galicia
nunha terra cada vez máis atractiva para emprender. Neste senso, salientou a
importancia para a economía galega do papel dos autónomos, xa que Galicia é a
comunidade autónoma con maior porcentaxe de autónomos de toda España, 20 %,
fronte ao 16 % da media, o que ten un efecto positivo na economía da
comunidade.
Por este motivo, avalou que desde a Xunta se continúen
definindo apoios, e que estes se materialicen facéndoo en diálogo co sector. De
feito, apuntou que das reunións coa Mesa do Autónomo, como a celebrada hoxe,
saen sempre propostas que o Goberno galego ten en conta. “O noso compromiso é
escoitarvos para seguir intentando acertar”, concluíu.