jueves, 26 de octubre de 2023

EPA IIIT de 2023: En Galicia medra a ocupación en 14.200 persoas no terceiro trimestre e baixa o paro en 2.500 persoas

 

Difunde hoxe o INE a  Enquisa de poboación activa (EPA) correspondente ao terceiro trimestre de 2023.

Estos son os pincipais datos de Galicia

Poboación activa

No terceiro trimestre de 2023 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.352.900 persoas, das cales 1.261.600 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,6%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 11.700 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,4 puntos respecto ao segundo trimestre de 2023.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, o número de persoas activas aumenta en 13.000 persoas e a taxa de actividade aumenta en 0,3 puntos porcentuais.

Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 0,8 puntos respecto á cifra rexistrada hai 3 meses, situándose no 58%. A taxa de actividade feminina non rexistra ningunha variación, permanecendo no 49,6%.

Poboación ocupada


A ocupación aumenta en 14.200 persoas no terceiro trimestre de 2023 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.144.400 persoas ocupadas. A taxa de ocupación aumenta con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,6%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 30.600 persoas, o que supón un incremento do 2,7% en termos relativos

Por sexo, neste trimestre aumentou a ocupación masculina e a feminina: o número de ocupados varóns aumentou en 11.900 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2023; a ocupación das mulleres aumentou en 2.300 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nun incremento da taxa de ocupación masculina de 1 punto e nun incremento da taxa feminina en 0,1 puntos con respecto ao trimestre pasado.

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2022, o número de homes ocupados aumenta en 17.500 persoas (un 3%), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 2,5%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumentou en todos os sectores. Na agricultura e pesca, o aumento da poboación ocupada cifrouse en 800 traballadores e traballadoras máis que hai 3 meses. Na industria, a ocupación aumentou en 1.000 persoas. Na construción a ocupación aumentou en 4.200 persoas respecto ao trimestre anterior. O sector servizos foi o que rexistrou o maior aumento, con 8.100 persoas máis.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, a ocupación diminúe na industria (-0,7%) e aumenta nos servizos (3,1%), na construción (4,5%) e no sector primario (5,5%).

Poboación asalariada

En Galicia había 943.500 persoas asalariadas no terceiro trimestre de 2023, 777.100 con contrato indefinido e os 166.400 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 3.100 asalariados e asalariadas menos con contrato indefinido, o que supón unha diminución de 0,4 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal aumenta, pola contra, en 20.900 efectivos (o que supón, en termos relativos, un incremento do 14,4% con respecto ao segundo trimestre de 2023). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 4,3%, e as persoas con contrato temporal diminuíron un 0,1%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 17,6%.

Poboación parada

No terceiro trimestre de 2023 en Galicia había 117.200 persoas en paro, 2.500 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,3 puntos e sitúase no 9,3%.

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2022, o número de parados e paradas diminúe en 17.600 persoas (un 13,1%) e a taxa de paro, a súa vez, decrece 1,5 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 54.900 persoas (2.300 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 62.200 persoas (300 mulleres menos). Ambas as dúas taxas de paro, tanto a masculina como a feminina, diminuíron, situándose a primeira no 8,4% e a segunda no 10,2%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 8.300 persoas (un 13,1% menos) e o volume de paradas diminúe en 9.500 persoas (un 13,2% menos que hai un ano).

Fogares

No terceiro trimestre de 2023, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.600 unidades e sitúase en 49.300 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2022, esta tipoloxía de fogares diminúe un 3%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 9.400 unidades. O número de fogares nesta situación é de 662.300. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 22.100 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 3,5% en termos relativos.

Poboación xuvenil

 

Dos 327.300 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 136.200 (o 41,6%) están ocupados/as, 30.600 (o 9,3%) parados/as e os 160.400 (o 49%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 41,6% no terceiro trimestre de 2023. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 2,1 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2022 aumenta 4,1 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 18,4% neste trimestre; aumenta 0,4 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co terceiro trimestre de 2022, diminúe 4,4 puntos.

No terceiro trimestre de 2023, o 74,7% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao segundo trimestre de 2023, a cifra de ocupados a xornada completa sobe un 6,7%. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial tamén aumenta neste trimestre; en concreto, sobe en 1.200 persoas. Con respecto ao terceiro trimestre de 2022, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 9.000 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 6.200 persoas).

Dos 126.900 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 58,5% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido diminúe un 1,1% respecto ao trimestre anterior; aumenta, pola contra, un 32,7%, respecto ao mesmo trimestre de 2022. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal aumenta un 22,3% respecto ao trimestre pasado, pero diminúe un 3,1% respecto ao terceiro trimestre de 2022.

A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 41,5%.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Lugo e Santiago de Compostela son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (52% e 57,5% respectivamente) no terceiro trimestre de 2023. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (38,5%). No referido ás taxas de paro, este trimestre Santiago de Compostela é o concello de entre os sete grandes con menor valor (4,4%) e Lugo o que presenta a taxa de paro máis elevada (13,2%).



Fontes de información

INE-IGE. Enquisa de poboación activa (EPA)