O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España e a Adif que estableza datas concretas e certeiras respecto á construción da parte ferroviaria da estación intermodal de Ourense e que cumpra co convenio asinado co Concello e coa Xunta de Galicia no que se comprometía a remodelar a estación de tren, a favorecer a integración do ferrocarril na cidade e garantir a permeabilidade dos diferentes medios de transporte de viaxeiros.
A deputada popular Noelia Pérez criticou que “nos enteramos a través do Boletín Oficial do Estado da decisión do Goberno de España e de Pedro Sánchez de aprazar sen data a apertura de ofertas económicas para a construción da parte ferroviaria da estación intermodal de Ourense”. “É totalmente inaceptable este aprazamento sine die e intolerable que, ademais, o fagan sen dar unha explicación nin ao Goberno da Xunta nin aos cidadáns”, incidiu.
Noelia Pérez explicou que a contratación das obras da parte ferroviaria da estación intermodal de Ourense “é esencial para completar unha infraestrutura na que a Xunta xa investiu 9 millóns de euros correspondentes á parte dedicada ao servizo de autobuses”. Máis en concreto, apuntou que “nestes momentos están sen executar o 93 por cento da obra que lle corresponde acometer ao Goberno de España na estación intermodal de Ourense”.
“O que está a acontecer con esta estación intermodal é un exemplo máis da parálise e lentitude coa que o Goberno de Pedro Sánchez está a executar novas infraestruturas estratéxicas para Galicia ou o arranxo e mantemento das existentes, tanto no que atinxe ao ferrocarril como ás estradas”, lamentou a deputada popular.
Así, dixo que “só en Ourense seguen con demora as obras dos primeiros subtramos da Variante Exterior, estando pendentes de licitar o resto dos tramos; segue a retrasarse a ampliación do perigoso paso inferior da rúa Ramón Puga; segue sen acometerse a ampliación do paso superior de Tarascón, que é sumamente estreito e non ten beirarrúas; e seguimos á espera das alternativas ao proxectado en Peliquín para facilitar a mobilidade e accesibilidade das persoas deste barrio”.