viernes, 22 de septiembre de 2023

O PPdeG reivindica aos seus 27 deputados e senadores como a mellor garantía de que a voz de Galicia se vai oír e ter en conta nas Cortes Xerais

 

Esta mañá o PPdeG reivindicou aos seus 27 deputados e senadores como a mellor garantía de que a voz de Galicia se vai oír e ter en conta nas Cortes Xerais e, neste sentido, desde a formación amósanse convencidos de que estes homes e mulleres devolverán con creces a confianza que a maioría dos galegos depositaron neles.

Con motivo do inicio do curso político, os populares galegos organizaron un almorzo de traballo en Santiago de Compostela que estivo encabezado pola secretaria xeral, Paula Prado, e no que se puxeron sobre a mesa o traballo e a estratexia que se desenvolverán para defender os intereses de todos os galegos en Madrid.

 

Un encontro especialmente relevante ás portas da sesión de investidura de Alberto Núñez Feijóo como gañador das eleccións e candidato designado polo Rei e nun momento, ademais, no que hai numerosas cuestións que afectan a Galicia e que dependen do Goberno central como son a transferencia da AP-9, o reparto dos fondos europeos ou o estado das infraestruturas galegas.


Desde o PPdeG prometen dar a batalla para que non se lle dea a algúns para quitarlle a outros e recordan que pagarlle a Puigdemont os 450.000 millóns de euros que pide por investir a Sánchez supón que unha Comunidade terá medio billón máis a costa de que outras dezaseis teñan medio billón menos.

 

Galicia non permitirá isto e por iso, co traballo dos seus 27 deputados e senadores, fronte aos 15 de toda a esquerda, os populares galegos comprométense a defender a igualdade de todos os españois e o trato xusto e que merece a nosa Comunidade. Un cometido para o que contarán, en todo momento, co apoio do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.