sábado, 23 de septiembre de 2023

Desde o PP avogamos por unha pronta solución ao problema das empresas louseiras Irosa e Samaca de Valdeorras para o mantemento dos postos de traballo

 

Acudimos onte ao Barco unha representación do PP de G, integrada por deputados nacionais, senadores e parlamentarios autonómicos para estar preto dos vecinos e veciñas da comarca de Valdeorras, e dos nosos alcades e concelleiros encabezados pola alcaldesa de Carballeda, María del Carmen González.

Participamos na manifestación en defensa dos  postos de traballo das empresas louseiras Irosa e Samaca en serio perigo como consecuencia da execución dunha sentenza de desafiuzamento o pasado 19 de setembro.

Saímos as dezanove horas diante do pavillón polideportivo de Calabagueiros e percorrimos con milleiros de persoas as rúas da capital comarcal. Chamaba atención a presenza de familias enteiras e o peche dos comercios, tendas, oficinas etc., o que amosaba realmente a gran preocupación dos cidadáns. Tamén destacar a participación de representantes de diversas forzas políticas, e de representes empresarias e sindicais e do Clúster da Pizarra de Galicia.

Unha hora e media despois a manifestación chegou á Viloira, e alí diante da Casa Grande, o presidente do comité de empresa de Samaca-Irosa deu lectura a un manifesto,no que tras agradecer a resposta á convocatoria se afirmaba que “non hai pleito que poida xustificar a ruína de centos de familias. A empresa terá que facer esforzos para chegar a unha solución. Iso é así. Pero a Comunidade de Montes, enteira, con representación real de todos os veciños de Portela e do Trigal, sen exclusión, ten que ser consciente da enorme responsabilidade que ten e das fatais consecuencias que poidan acarrear as súas decisións. Ningunha solución pasa pola condena e sacrificio de centos de persoas que gañamos honradamente o noso pan, a costa do noso traballo”.

Nesta marcha fun entrevistado por varios medios de comunicación e en nome dos meus compañeiros do PP de G dixen:

“Estamos realmente impresionados pola cantidade de xente que acudiu a esta manifestación, o que acredita que a preocupación da comarca de Valdeorras é moi seria. Realmente non damos crédito ao feito de que se poidan pór en perigo 500 empregos entre directos e indirectos na actividade económica principal desta comarca, que é a explotación da lousa; amoso a nosa solidariedade e tamén digo que aquilo que estea en mans das administracións que goberna o PP e no que se poida axudar para que este serio problema poida resolverse, ímolo facer”

Dixen que “sei que a Xunta de Galicia está preocupada por este tema porque leva xa moito tempo intentando axudar a que este conflito remate. Sabemos que a Deputación provincial tamén ten esa mesma preocupación e, dende logo, nós agardamos que aqueles que están xerando este problema e que están actuando de xeito irracional tomen boa nota do que hoxe se viu nas rúas do Barco de Valdeorras. Foi unha manifestación multitudinaria, pero ao mesmo tempo respectuosa e reivindicativa, cos comercios pechados, o cal indica que a problemática calou diante da poboación e espero que isto se solucione polo ben de todos”.

En definitiva desde o PP de G apelamos ao sentido común e a responsabilidade re avogamos por unha pronta solución ao problema que está a derivar no peche das empresas de lousa Irosa e Samaca en Carballeda de Valdeorras e amosamos o noso apoio aos traballadores e ás súas familias para o mantemento dos postos de traballo. Sumámonos ao clamor de toda a comarca, que xa o expresou a través dos seus alcaldes, a Deputación de Ourense, o Clúster da Pizarra de Galicia e todo tipo de colectivos e asociacións. E hoxe de forma multitudinaria a sociedade valdeorresa.

Co máximo respecto ás sentenzas xudiciais, agardamos que a negociación entre os propietarios da empresa louseira e a Comunidade de Montes de Portela e Trigal sexa positiva e a actividade de Irosa e Samaca se poida manter evitar a perda de 300 empregos directos e 250 indirectos.

Salientar finalmente a importancia que o sector da lousa ten en Galicia, e principalmente na comarca ourensá de Valdeorras. En concreto, na actualidade da emprego a máis de 2.400 traballadores de xeito directo e durante o primeiro semestre do presente ano facturou máis de 200 millóns de euros, o que supuxo un aumento do 8,6 por cento respecto ao mesmo período do pasado ano.

 http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-seran-6258977?t=1004

https://www.laregion.es/articulo/valdeorras/miles-valdeorreses-salen-calle-barco-apoyar-irosa/202309222216161245554.html?utm_medium=email&utm_source=Newsletter&utm_campaign=20230923

https://osil.info/os-representantes-politicos-valoran-a-manifestacion-de-apoio-ao-persoal-de-irosa-e-samaca/

https://osil.info/os-traballadores-de-irosa-e-samaca-imos-defender-o-noso-pan-ningunha-solucion-pode-pasar-pola-condena-e-sacrificio-de-centos-de-persoas/

 https://www.somoscomarca.es/articulo/obarco/mas-3000-valdeorreses-manifiestan-defensa-trabajadores-irosa-samaca/20230922202928159985.html

https://www.farodevigo.es/ourense/2023/09/23/valdeorras-une-fuerzas-defensa-pizarrera-92443410.html