“Resulta incomprensible o novo adiamento anunciado polos dirixentes en funcións do Goberno de Pedro Sánchez e de Adif respecto das obras comprometidas da estación intermodal de Ourense, que implican deixar en suspenso a contratación das obras da parte ferroviaria, esenciais para completar a infraestrutura na que a Xunta xa investiu 9 millóns de euros, correspondentes á parte dedicada aos autobuses”, sinalou a deputada popular.
INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA
Noelia Pérez lamenta o recente anuncio publicado no Boletín Oficial do Estado a través do que o Goberno de España comunica a súa decisión de aprazar sen data a apertura de ofertas económicas para a construción da parte ferroviaria da estación intermodal que corresponde executar á Administración central. “Sen dúbida é un anuncio negativo, para toda Galicia pero especialmente para os veciños de Ourense e todos os usuarios do transporte ferroviario que chegan á nosa cidade, polo que afecta á calidade dos servizos que se prestan, pero, sobre todo, prexudicial polo supón dun novo retraso nunha infraestrutura estratéxica para a cidade, porta de entrada da alta velocidade en Galicia”, apuntou.
Neste sentido, lembrou que “o prazo final de cara á adxudicación das obras estaba previsto para o 21 de xullo, modificouse unilateralmente ata o 2 de agosto e, xusto un día antes de vencer o prazo, o Goberno de España anuncia un novo aprazamento sen ofrecer novas datas”.
A deputada popular contrapuxo “este novo agravio con Galicia do Goberno de Pedro Sánchez coa firme aposta do Goberno galego polo fomento do transporte intermodal de pasaxeiros en Galicia”. Así, explicou que a Xunta está a facer neste momento un importante esforzo técnico e económico para, en colaboración con outras administracións, nomeadamente o Goberno de España e os concellos, promover a construción de novas estacións intermodais.
Nestas novas infraestruturas conflúen, nun mesmo espazo, as dársenas de diferentes medios de transporte, o que permite combinar os seus tráficos e facilita o intercambio e a integración dos pasaxeiros en todas as redes de mobilidade presentes: ferroviaria, transporte por autocar, bus urbano ou taxis. “En resumo, unha rede intermodal que consegue unha rápida combinación entre diferentes medios de transporte para que moverse dun lugar a outro sexa máis áxil e cómodo”, incidiu.
En Galicia, co impulso decisivo da Xunta de Galicia, xa están en funcionamento as estacións intermodais de Ourense, Santiago, Pontevedra e Vigo, en execución a terminal de autobuses intermodal da Coruña, asinado o convenio de colaboración da de Lugo mentres se avanza no deseño da de Ferrol.