domingo, 13 de agosto de 2023

O PPdeG solicita ao Goberno central que certifique o seu compromiso co Corredor Atlántico e que non sexa excluído do mapa da futura rede ferroviaria europea de mercadorías

O Grupo Popular ven de presentar unha proposición no de lei no Parlamento de Galicia na que demanda ao Goberno de Pedro Sánchez deixe de ningunear ao noroeste español e certifique o seu compromiso co Corredor Atlánticoadoptando medidas para que este itinerario non sexa excluído do mapa deseñado para a posta en marcha do órgano xestor da futura rede ferroviaria europea de mercadorías. 

Para o voceiro de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, esta exclusión supón un novo desprezo a Galicia e ao Noroeste peninsular “nun claro exemplo de que para o Executivo central existen autonomías de primeira e de segunda e non pensa en garantir os plenos dereitos a todos os españois, vivan onde vivan, senón no seu propio interese por manterse no poder e continuar desenvolvendo xestións sectarias que exceden xa todos os límites”. 

 

“Pedimos ao Goberno que cese esta discriminación que comezou coa non presentación de proxectos do Noroeste á convocatoria de Fondos Europeos, que suporán que a UE destine 6.300 M€ á rede europea de transportes, dos cales 250 serán para España e cero para Galicia e o Noroestee continuou coa actitude e inacción do Comisionado do Corredor Atlántico, creado pola presión de varias CCAA pero que aínda non quixo reunirse co Goberno galego”, indicou José Manuel Balseiro. 

 

Para o voceiro de Infraestruturas “é decepcionante que despois do logro que supuxo incorporar esta infraestrutura ao mapa dos corredores da Rede Transeuropea de Transporte (TTE-T) no 2021, tras unha intensa reivindicación,  agora se dea un paso atrás e quede excluída do órgano xestor loxístico da rede transeuropea de mercadorías, no que participa tamén o ADIF, e que ten como fin coordinar a circulación dos trens por España, Portugal, Francia e Alemaña”. 

 

Resulta así mesmo decepcionante, sinala José Manuel Balseiro, “que ninguén no Goberno de España nin o Comisionado teña intercedido para corrixir esta exclusión e esiximos que deixe de ser un Goberno inútil e sectario e manifeste un claro compromiso coas infraestruturas galegas”. 

 

“De nada serve a fronte común que no ámbito político e empresarial reclama unha maior aposta para avanzar nun proxecto estratéxico para a competitividade da nosa comunidade se unha e outra vez nos atopamos coa falta de vontade e implicación do Executivo central cando non directamente o boicot aos intereses do Noroeste peninsular e de Galicia en particular” lamentou o voceiro popular. 

 

José Manuel Balseiro instou ao Goberno de Pedro Sánchez a rectificar “porque tan só cando rectifican acertan” que deixe de ser un Goberno inútil e sectarioe manifesten claramente un compromiso coas infraestruturas galegas, nomeadamente neste caso co Corredor Atlántico “para que deixemos que sufrir esta discriminación e non sexamos máis, pero tampouco menos, que calquera outra CCAA”.