Tal e como detallou Estrella López-Pardo, o novo
espazo de 10 boxes non formaba parte da UCI, que se localiza noutra área anexa.
“Unha vez que o Sergas teña todos os parámetros de seguridade verificados e
comece o traslado de pacientes, a actividade de críticos do hospital
trasladarase a esta zona, iniciando entón a segunda fase da obra na actual UCI,
para crear outros dous módulos con esta mesma configuración en boxes
individuais e illados”.
O resultado final da actuación, -dixo a responsable do
Sergas-, de 8,2 millóns de euros de investimento, “será ampliar o número de
camas de 20 a 30, ademais de triplicar a superficie e establecer en todo o
espazo de críticos esta distribución en boxes individualizados”.
Segundo Estrella López-Pardo, a aposta por este tipo
de espazos decidiuse a raíz da pandemia, onde quedou claro que o manexo de
enfermidades infecciosas era moito máis operativo en dependencias como esta e,
ademais, encaixaba coa estratexia de humanización que estaba a desenvolver o
Sergas, “xa que esta distribución individualizada facilita o confort dos
pacientes e das súas familias”.
Nesta lexislatura, o Sergas conseguiu que todas as
UCIs dos seus hospitais permitan a presenza durante as 24 horas dos pais no
caso de nenos ou neonatos e, espazos como este, “facilitan seguir avanzando en
contornas máis humanizadas a todos os pacientes críticos”.
“Este é o novo modelo de UCI que existe nos hospitais
máis novos da rede sanitaria pública galega”, -remarcou a xerente-, que son os
de Lugo e Vigo, e que se vai implantar nas ampliacións que se están a construír
na Coruña, Ferrol ou Pontevedra, e que se realizou, a través de reformas
específicas, en Santiago e agora en Ourense.
Investimentos por 80 millóns
Ademais de formar parte do proceso de cambio do modelo
de UCI en toda Galicia, esta obra supón tamén, -dixo a xerente do Sergas-, unha
peza da transformación que o Goberno galego está a levar a cabo en particular
no Hospital Universitario de Ourense. Así, está en marcha un novo edificio de
hospitalización xa en construción; un novo servizo de medicina nuclear para
poder instalar o primeiro diagnóstico PET; e, ademais, reformas para instalar
novos equipamentos como a sala de neurorradioloxía que dotará a Ourense dunha
unidade completa de ictus.
En total, remarcou Estrella López-Pardo, “un
investimento por parte da Xunta de 80 millóns de euros entre obra e
equipamento”.
Para rematar a súa intervención, a xerente agradeceu a
pacientes e profesionais o esforzo nestes momentos de obras e adaptacións que
se fan única e exclusivamente no seu beneficio.