martes, 4 de julio de 2023

O paro cae por primeira vez en Galicia por debaixo das 130.000 persoas nos últimos 27 anos

 

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) difunde hoxe os datos oficiais de paro rexistrado correspondentes ao mes de xuño de 2023.

Galicia:

Baixa o paro rexistrado en Galicia no mes de xuño en relación co mes anterior en – 5.410 persoas, un  -4,02 %. Unha cifra que sitúa á comunidade como a terceira na que máis cae o desemprego tanto en termos relativos como absolutos. O descenso, ademais, supera á caída rexistrada na media estatal en 2,18 puntos.

Por sectores económicos, liderou a baixada os servizos (-4,42%), seguido do primario (-3,96%), da construción (-3,27%) e da industria (-3,13%). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,77% (+8.145), e con respecto ao Estado, Galicia presenta un ritmo de subida maior. De feito, é a quinta comunidade na que máis soben as cotizacións no último mes, tanto en termos absolutos como relativos.  

A cifra do desemprego descendeu por primeira vez en Galicia nos últimos 27 anos por debaixo das 130.000 persoas. O mes de xuño pechou con 129.024 persoas en desemprego, a cifra máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996.

Por sectores, 4.271 son da agricultura, 13.298 da industria, 9.005 da construción, 90.883 dos servizos e 11.567 do colectivo sen emprego anterior. 

A nivel interanual, isto é, con respecto ao mes de xuño do ano pasado, 11.908 persoas sairon en Galicia das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do – 8,45 %, unha caída superior á reflectida no Estado con 1,79 puntos de vantaxe. Por sectores, liderou o descenso o primario (-15,74%), seguido da industria (-12,15%), da construción (-11,28%) e dos servizos (-8%). 

Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-15%) seguido das mulleres (-7,65%) e dos parados de longa duración (-2,84%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2005). Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun xuño desde 2008.

En canto ao paro, con respecto a hai un ano e na comparativa con maio, caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios para a Xunta como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.  

Ourense

Baixa o paro rexistrado en xuño na provincia de Ourense en relación co mes anterior en 375 persoas, un – 2,42 %,

O número de parados queda en 15.100 deles 6.265 son homes e 8.835 mulleres, 14.493 son maiores de 25 anos e 607 menores.

Por sectores, 756 son da agricultura, 1.582 da industria, 1.062 da construción, 10.173  dos servizos e 1.527 do colectivo sen emprego anterior.

A nivel interanual, isto é, con respecto a xuño do ano pasado, 1.285 persoas sairon en Ourense das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do – 7,84 %.