domingo, 30 de julio de 2023

Rueda: “A estabilidade política, institucional e económica de Galicia converte á comunidade nun territorio atractivo para investir“

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacaba onte que a estabilidade política, institucional e económica de Galicia converte á comunidade nun territorio atractivo para investir.

Na VII Romería Abanca Internacional que se celebrou en Ourense, o titular do Goberno galego agradeceu o compromiso dos empresarios e inversores que apostan por Galicia para poñer en marcha os seus proxectos e tivo unha mención especial para aqueles galegos que desenvolveron proxectos fóra da comunidade e decidiron volver a súa terra para “seguir creando riqueza en Galicia”.


Rueda resaltou que ningún país prospera sen os seus empresarios e que é obriga das administracións “darlles estabilidade e certezas”. O titular do Goberno autonómico asegurou que a Xunta vai seguir traballando para que Galicia se manteña como “esa illa de estabilidade e tranquilidade” que a converte nun lugar atractivo para investir.


Entre as medidas que ten en marcha a Administración galega para apoiar ao tecido empresarial está a axencia financeira -dotada de 135 M€ para impulsar proxectos industriais- ou a Lei de simplificación administrativa que permite axilizar e reducir os trámites para poñer en marcha unha iniciativa empresarial.


Ademais, durante a súa intervención, Rueda lembrou que a Xunta busca atraer a galegos do exterior para que regresen a súa terra natal a través da Estratexia Galicia Retorna e deste xeito “axuden a construír a nova Galicia”.


Estabilidade económica


As medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos teñen como resultado a estabilidade económica de Galicia que se amosa con feitos coma que a comunidade recuperase o nivel de PIB prepandemia antes que a media nacional; que o primeiro cuadrimestre fose o mellor da historia en canto a exportacións; o feito de que Galicia non precisará endebedarse en 2024 para financiar os servizos públicos ou que a previsión para o vindeiro ano sexa que a comunidade medre por encima do 2%.

O presidente rematou agradecendo o interese e compromiso dos empresarios galegos e de fóra de Galicia nesta comunidade e fixo fincapé en que a estabilidade e a planificación son claves para dotar de futuro a un territorio e facelo atractivo para investir.