miércoles, 12 de julio de 2023

O Parlamento galego pide ao Goberno central analizar a situación dos mutualistas alternativos para promover unhas xubilacións dignas



O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio nin de BNG nin de PSdeG, a través da que se pide ao Goberno de España que, en diálogo e coa participación dos colexios profesionais da avogacía e da procuradoría, impulse a aprobación dunha nova Lei de Dereito de Defensa que inclúa a extensión da regulación da quenda de oficio e da asistencia xurídica gratuíta para contemplar expresamente este dereito ás persoas xurídicas, que a intervención dos profesionais designados de oficio sexa indemnizada sempre que realicen algunha actuación e facilite a conciliación de vida laboral e familiar destes profesionais. Así mesmo, demándase analizar a situación dos mutualistas alternativos en aras a promover, xunto ás mutualidades, unhas condicións de xubilación dignas, tal e como se recolle no programa electoral do Partido Popular para as presentes eleccións xerais.

Así mesmo, o Grupo Popular apoiou a aprobación doutra iniciativa do BNG a través da que se insta ao Goberno de España a realizar as actuacións e modificacións necesarias, en relación coas profesionais da avogacía e da procuradoría que teñen contratado coa mutualidade profesional o sistema de protección social alternativo ao RETA, para, en diálogo coas respectivas mutualidades, permitir a posibilidade, voluntaria e temporal, de trasladar ao RETA as cantidades cotizadas na Mutualidade profesional, computándose a efectos no devengo de pensións e prestacións futuras, xubilación incluída, en todo caso, previa ponderación das cantidades ingresadas e dos períodos cotizados; evitar a equiparación fiscal das cotizacións realizadas na Mutualidade cun plan de pensións complementario; e mellorar as condicións da xubilación parcial dos profesionais da avogacía e procuradoría.

 COMPROMISO DAS ADMINISTRACIÓNS

O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou que “todos somos conscientes da importancia dos cambios que están a experimentar a avogacía e a procuradoría nos últimos anos, así como do deterioro das condicións profesionais que se derivan dese proceso”. “Ante este progresivo menoscabo profesional, resulta imprescindible o compromiso das administracións, dos colexios profesionais e das mutualidades para reverter esta situación e dotar da necesaria dignidade a dous colectivos imprescindibles para o exercicio do dereito á tutela xudicial efectiva”, apuntou.

Deste xeito, e despois de recoller distintas demandas sociais e das reunións celebradas por responsables do Grupo Popular con representantes do Consello da Avogacía Galega, “cremos que existe un amplo consenso sobre tres aspectos fundamentais que debemos abordar: a axeitada valoración da quenda de oficio, a conciliación profesional de avogados e procuradores, e garantía de xubilación en condicións dignas”, manifestou Alberto Pazos.

Porén, alertou de que “debemos evitar situacións inxustas entre profesionais e tamén respecto doutros autónomos”. “Non podemos atender as necesidades dos profesionais que sofren unha situación difícil a costa de poñer en risco a viabilidade de protección social, nin a viabilidade da propia mutualidade”, concluíu.