lunes, 15 de mayo de 2023

Pedro Puy pide aos socialistas “coherencia” e que unifiquen posturas respecto da transferencia da AP-9 e a tramitación da Lei galega do litoral

 

Hoxe o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, pediu “coherencia” aos responsables do PSdeG ao tratar asuntos como a transferencia da AP-9 ou a nova Lei galega do litoral, xa que dentro do propio Partido Socialista están a defender posturas contrarias.

Pedro Puy lamentou as “incongruencias” que están a poñer de manifesto os socialistas respecto da futura Lei do litoral de Galicia. Neste sentido, lembrou que “despois de escoitar a membros do Goberno de Pedro Sánchez dicir que esta lei era case unha declaración de independencia, responsables socialistas en Galicia manifestaron a súa disposición a apoiar a tramitación parlamentaria deste texto lexislativo porque consideraban importante para Galicia ter capacidade para decidir sobre os usos do seu litoral”.

“Porén, inmediatamente o novo delegado do Goberno en Galicia volveu insistir na necesidade de que se reforme o Estatuto de Autonomía para que Galicia goce das competencias en materia do litoral, unha reforma que retrasaría considerablemente a adopción das medidas previstas xa que conlevaría a convocatoria dun referendo”, explicou o portavoz popular, quen considerou esta situación como “unha inxerencia nas competencias autonómicas desde o PSOE de Madrid máis que un intento de buscar un acordo, tendo en conta que outras comunidades xa xestionan as competencias en materia de litoral”.

BLOQUEO DO TRASPASO DA AP-9

Outra das cuestións sobre as que Pedro Puy demandou coherencia aos socialistas galegos é o traspaso da titularidade da AP-9 a Galicia, logo de que a pasada semana os deputados do PSOE bloquearan no Congreso esta transferencia. Neste sentido, lembrou que esta autoestrada “non ten ese carácter de conexión coas fronteiras que poderían explicar o seu mantemento dentro da titularidade do Estado”, polo que lamentou que os socialistas avoguen agora polo traspaso da xestión e non da titularidade logo de levar adiante unha serie de manobras para dilatar no Congreso a tramitación da proposición de lei remitida polo Parlamento galego.

O portavoz popular explicou que, coa fin de axilizar a tramitación no Congreso e facilitar que o traspaso se puidera realizar na presente lexislatura, o Grupo Popular decidiu retirar as súas emendas, pero os deputados socialistas mantiveron o seu bloqueo á tramitación desta proposición de lei.

Diante desta situación, Puy criticou que o secretario xeral dos socialistas galegos, logo de que o seu grupo parlamentario votara varias veces a favor da transferencia da AP-9, “diga agora que a titularidade non importa e que o principal é a rebaixa das peaxes, cando a realidade é que as peaxes desta autoestrada se incrementaron este ano máis dun 4 por cento”.