miércoles, 1 de febrero de 2023

Galicia e Castela e León solicitan ao Ministerio de Transportes unha reunión para abordar os prazos e a programación da reconstrución dos viadutos da A-6

 

Galicia e Castela e León solicitan ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a convocatoria dunha reunión para abordar os prazos e a programación para a reconstrución dos viadutos da A-6.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o director xeral de Estradas e Infraestruturas da Junta de Castela e León veñen de remitirlle ao director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Juan Pedro Fernández, unha carta para demandar un encontro técnico con ambas as comunidades.

Na misiva ínstase ao Ministerio de Transportes a abordar a reconstrución simultánea de ambos os dous viadutos da A-6, xa que se considera posible ao ser infraestruturas independentes. Tanto Galicia como Castela e León consideran evidente que ambos os dous viadutos se van ter que reconstruír e que en ambos os casos está xustificado o procedemento de contratación de emerxencia, polo que estiman que non hai razón para non traballar en ambos á vez.

Ambas as comunidade inciden, ademais, na necesidade de coñecer os informes das inspeccións especiais nos viadutos para determinar as causas do colapso, pois o Goberno non remitiu aínda esta documentación, pese a que foi solicitada na reunión de novembro.

Cómpre lembrar que na reunión celebrada o 15 de novembro a Xunta solicitou ao Goberno os informes das inspeccións especiais para determinar as causas do colapso do viaduto do Castro, pero a día de hoxe non se recibiu esta documentación, fundamental para a toma de decisións nunha situación como a acontecida.

Galicia e Castela e León demandan do Ministerio de Transportes que detalle tamén os prazos e previsións sobre a reconstrución dos viadutos. En outubro, o Goberno indicou que neste verán de 2023 estarían concluídas as obras no viaduto sentido Madrid, pero 7 meses despois do colapso só se demoleron o van intermedio e dúas pilas, no viaduto sentido Galicia, polo que o prazo dado estímase de difícil cumprimento.

Ademais, e en previsión de que no período de vialidade invernal 2023-2024 non estea restablecido aínda o tráfico na A-6, a Xunta tamén propón que se valore de novo a conexión da N-VI coa A-6 en Pedrafita, tal como se veu reiterando en todas as xuntanzas mantidas.

Por último, tanto a Xunta como a Junta de Castela e León solicitan coñecer as inspeccións ou traballos de reparación que se poidan estar levando a cabo en viadutos de similar tipoloxía ao colapsado, como poden ser os do Manzanal, na propia autovía A-6, ou os da Valenzá e Barbadás, na autovía A-52, xunto coas previsións de posibles afeccións ao tráfico.

A Xunta lembra que a día de hoxe a A-6 está cortada de Piedrafita, pero tamén o acceso á comunidade desde a meseta pola A-52 ten unha importante afección ao tráfico, cunha calzada cortada desde hai máis dun ano nos treitos entre os túneles de A Canda e O Padornelo.

Por todo isto, e aos efectos de poder abordar todas estas cuestións, a Xunta e a Junta de Castela e León solicitan a celebración dun encontro técnico entre o Ministerio e as dúas comunidades e a remisión da documentación necesaria por parte do Ministerio para poder preparar axeitadamente a xuntanza