viernes, 30 de diciembre de 2022

O ano do Partido Popular de Galicia, resumido en 12 momentos: “Cumprimos cos galegos e coas galegas”

 

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, fixo esta mañá balance do ano 2022 e resumiuno en 12 momentos, un por cada mes do ano. “Neste ano de cambios significativos, hai algo que se mantivo invariable: o PPdeG cumpriu cos galegos e coas galegas”, subliñou.

Prado salientou que os populares se comprometeron a que a transición na Presidencia do partido fora tranquila, exemplar e con unidade; a que os galegos seguiran tendo un Goberno centrado nas súas prioridades; a seguir achegando a estabilidade e o rigor que se votou nas urnas; e a seguir traballando por Galicia cunha política útil, afastada dos sobresaltos e o bochorno que forman parte do manual sanchista. “E cumprimos”, dixo.

A continuación, a secretaria xeral pasou a resumir o 2022 do PPdeG en 12 momentos:

1. Xaneiro. XXV INTERPARLAMENTARIA POPULAR

“Xaneiro fainos ver onde estabamos e cara a onde fomos. No primeiro mes do ano, aínda con máscaras e con Alberto Núñez Feijóo de líder, celebramos a vixésimo quinta Interparlamentaria Popular. Alí referendamos que somos o partido da maioría: con 42 deputados no Parlamento de Galicia; 10 no Congreso dos Deputados; 13 senadores; e 1 representante no Parlamento Europeo; ademais dos 152 concellos que gobernamos”.

2. Febreiro. AS COMISIÓNS DO PPdeG

“Poño como exemplo a Comisión de Medio Rural de todas as comisións que se celebraron ao longo do ano: máis dunha vintena de laboratorios de ideas que nos facilitan estar ao carón das inquedanzas de todos os sectores”.

3. Marzo. FEIJÓO ANUNCIA A SÚA CANDIDATURA PARA PRESIDIR O PP

“O terceiro mes foi de cambios para nós. Despois de 16 anos sendo o noso faro, tivemos que asumir que Alberto Núñez Feijóo ía seguir sendo o noso faro, pero agora desde Madrid. Agora, o paso do tempo deulle a razón á súa decisión. Feijóo está preparado para ser o próximo presidente do Goberno, o presidente que España necesita, e desde a súa terra imos apoialo sen cesar”.

4. Abril. RUEDA, CANDIDATO ÚNICO Á PRESIDENCIA DO PPdeG

“Afortunadamente, Feijóo tiña relevo, e en abril confirmamos que era o mellor relevo posible: Alfonso Rueda, a voz da experiencia tanto na Xunta como no Partido Popular. Así foi, que recibiu máis de 7.800 avais de apoio”.

5. Maio. NOMEAMENTO DE ALFONSO RUEDA COMO PRESIDENTE DO PPdeG

“Esa transición exemplar culminou en maio en Pontevedra, baixo o lema Galicia, o camiño a seguir, nun Congreso Autonómico que deixou claro que a nosa Comunidade e o PPdeG teñen presidente para rato. Un presidente que tomou posesión no Hórreo arroupado por un Grupo Parlamento sólido e solvente”.

6. Xuño. PRIMEIRA XUNTA DIRECTIVA CON RUEDA Á FRONTE

“O ecuador do ano tróuxonos o primeiro Comité de Dirección e a primeira Xunta Directiva da nova etapa, e de aí, quedo cunha frase que dixo o presidente Rueda: ‘Volvemos demostrar que somos un exemplo de unidade, capaz de superar probas tan complicadas como foi é unha sucesión en tan pouco tempo’. E, como el mesmo dixo onte, ‘a estabilidade segue vixente’”.


7. Xullo. DÍA DO AFILIADO DE NOVAS XERACIÓNS

“En xullo, coa romaría do Pino puidemos, por fin, celebrar o primeiro grande acto multitudinario en moito tempo; en Cenlle reunimos ás Novas Xeracións para referendar que o futuro de Galicia pasa pola nosa mocidade; e en Mondoñedo, conmemoramos o Día de Galicia para reivindicar o galeguismo integrador do noso partido”.

8. Agosto. INICIO DO CURSO POLÍTICO EN CERDEDO-COTOBADE

“Recuperamos ao grande outra das nosas citas: o inicio do curso político, en Cerdedo-Cotobade. E aí, o presidente Rueda e o presidente Feijóo demostraron o poder do Partido Popular. Acompañáronnos os presidentes Juanma Moreno, Isabel Díaz Ayuso, Alfonso Fernández Mañueco e Fernando López Miras, a máxima expresión de que somos maioría en toda España”.

9. Setembro. ALMORZO DE TRABALLO CON DEPUTADOS E SENADORES

“Acompañada dos nosos deputados nacionais e dos senadores, dixémoslle ao Goberno central que Galicia precisa moito máis compromisos e menos visitas, algo que seguiremos reiterando en 2023”.

10. Outubro. PRESENTACIÓN DOS CANDIDATOS DAS CIDADES DO 28-M

“De cara ás eleccións municipais, os primeiros candidatos que presentamos foron os das sete cidades. Como dixen esta semana, somos unha opción á alza e saímos a gañar nas urbes galegas”.

11. Novembro. ACTO DA INFANCIA E ACTO ‘SOMOS IGUALDADE’

“Ademais de lembrar a figura de Manuel Fraga no centenario no seu nacemento e celebramos o Día da Infancia, foi o mes da igualdade, para ben e para mal: o 25 de novembro conmemoramos o Día da Violencia de Xénero co acto Somos Igualdade, que lamentablemente quedou emborronado pola deriva da Lei do só si é si. Seguiremos traballando pola igualdade real e non a que pretende o Goberno de Sánchez”.

12. Decembro. FORO DE ALCALDESAS DO PPdeG

“Chegamos a este último mes do ano en plena forma, e actos como o Foro de Alcaldesas deixárono claro. En Mos reunimos a 24 rexedoras que representan o mellor do PPdeG: seriedade e solvencia en todo tipo de concellos”.

“Rematamos un 2022 inmellorable, no que demostramos que somos capaces de afrontar os cambios e saír deles aínda con máis forza, a mesma coa que afrontamos o vindeiro ano”, engadiu a secretaria xeral, que augurou un 2023 “tamén inmellorable”.

Con respecto aos dous fitos que xa están definidos, as eleccións municipais e as xerais, Prado apuntou que nos comicios locais os populares demostrarán que son maioría e tinguirán Galicia de azul: “Quedan menos de 5 meses e os nosos equipos, nos 313 concellos, están en plena forma”; “e as eleccións xerais, cando a Pedro Sánchez lle veña ben convocalas, serán un punto e aparte na política española. Alberto Núñez Feijóo liderará o cambio que precisa España”, agregou.

“Mentres, en Galicia, o presidente Alfonso Rueda, o Goberno galego e o Partido Popular seguirán dando tranquilidade e apuntalando o compromiso que temos cos galegos e galegas”, concluíu, desexando un feliz 2023 a todos.