sábado, 12 de noviembre de 2022

A Xunta celebra a disposición do empresariado de Galicia, Asturias e Castela e León a liderar a reivindicación dun plan director do Corredor Atlántico e un transporte competitivo para o noroeste.

Onte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou na inauguración do ‘Encontro do Noroeste’, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia en colaboración coa Confederación de Empresarios de Castela e León, a Federación Asturiana de Empresarios e Empresas de León.

Vázquez Mourelle subliñou que é preciso un Plan Director de Corredor Atlántico, un Comisionado que ofreza a interlocución necesaria co territorio e que se inclúa o noroeste nas autoestradas ferroviarias.

Puxo en valor a unidade que veñen amosando Galicia, Asturias e Castela e León para conseguir o logro histórico da inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico.

Subliñou que esta alianza tamén aspira a que a revisión do Regulamento Europeo que establece os niveis da Rede Ten-T confirme e reforce o peso do noroeste. O Goberno galego apoia as demandas para incluír na Rede Básica os tramos de Ourense-Vigo-Coruña e que se amplíen ás liñas Ferrol-Coruña-Lugo e Vigo-Porto, así como que os portos especialmente o de Vigo, pasen a ter consideración de Básicos.

Remarcou que ademais cómpre que este logro se traduza na modernización da rede ferroviaria, aproveitando as fontes extraordinarias de financiación comunitaria.

A este respecto, referiu un recente estudo do Clúster de la Loxística de Galicia que sinala que o transporte e almacenaxe representan o 12,52% do produto interior bruto de Galicia.

Precisou que aínda que sempre se necesitará o transporte por estrada, o ferrocarril é clave por razóns ambientais, xa que, por exemplo, os desprazamentos de 1.000 km reducen nun 90% as emisións de CO2, e económicas, pois supón custos inferiores.

Para acadar estes obxectivos, destacou a necesidade de mellores infraestruturas que permitan trens máis grandes, subir camións ao tren quitándoos da estrada en largos percorridos e vías eficientes que cheguen aos principais nodos de transporte.

Neste contexto, reiterou que a Xunta sempre será un interlocutor válido e disposto a abordar con lealdade e colaboración os proxectos destinados a mellorar as infraestruturas e os servizos que incrementen a competitividade das empresas e o benestar dos cidadáns.

Citou como exemplos de proactividade nesta materia os estudos realizados polo Goberno galego para favorecer o impulso da Saída Sur de Vigo ou a propia Estratexia das Infraestruturas Loxísticas.

A conexión ferroviaria de Punta Langosteira

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe as obras da conexión ferroviaria de Punta Langosteira como un logro colectivo e chamou a abordar agora o “xa inaprazable” debate sobre o futuro dos peiraos interiores e a fachada marítima da Coruña. A ese respecto, lembrou que o Goberno galego xa aceptou hai moito tempo as propostas formuladas que, apuntou, seguen sen concretarse.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe nunha visita ás obras do ferrocarril ao Porto Exterior da Coruña, unha actuación que cualificou como “estratéxica” para a comarca e para toda Galicia.

Na súa intervención, a conselleira lembrou a implicación e o empeño da Xunta no impulso do tren a Langosteira, que consigue así completarse e dotarse de plena funcionalidade.

Así, lembrou como o 10 de marzo de 2021 o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, conseguiu o compromiso do entón ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para a execución desta infraestrutura, de importancia capital para Galicia e para A Coruña.


Ethel Vázquez cualificou como “un acerto” que o Goberno de España finalmente aceptase a proposta da Xunta de impulsar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira ao abeiro dos fondos Next Generation. E demandou que este sexa o 1º paso no desenvolvemento do Corredor Atlántico que o noroeste demanda con tanto empeño, aproveitando as fontes extraordinarias de financiamento europeo.

Salientou que estas obras, co arredor dos 150 M€ contribuirán durante a súa execución á dinamización da economía e o emprego e serán, cando estean concluídas, a peza decisiva para aproveitar todo o potencial industrial e loxístico que posúe A Coruña, contribuíndo ao progreso de Galicia.

Finalmente, a conselleira lembrou que este tren a Langosteira forma parte dunha gran transformación en marcha na área da Coruña, onde tamén está en execución a estación intermodal -igualmente froito da colaboración institucional- e pediu que todas as Administracións demostren con feitos a súa implicación real nos grandes obxectivos da cidade.