martes, 4 de octubre de 2022

En setembro as afiliacións ao Sistema da Seguridade Social medran lixeiramente en España (0,15%) e baixan en Galicia (-0.57%) e Ourense (-0,09 %)

 

Informa hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE) que o número medio de afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de setembro do ano 2022 acadou a cifra de 1.049.346 para o total do sistema, o que supón un descenso respecto ao pasado mes de agosto de 2022 de 5.985 afiliacións (-0,57%).

Para o conxunto estatal a cifra de afiliacións sitúase en 20.180.287, rexistrando un incremento do 0,15% con respecto ao pasado mes de agosto. Na comparativa interanual (setembro de 2022 con setembro de 2021) obsérvase un aumento de 15.118 afiliacións no total do sistema en Galicia (1,46%) e un aumento do 3,32% (649.176 afiliacións) no conxunto estatal.

Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de agosto de 2022, rexístrase unha baixada das afiliacións en dez comunidades autónomas, destacando Illes Balears (-2,48%), mentres que en sete comunidades autónomas suben as afiliacións, especialmente en La Rioja (2,76%).

En canto ás taxas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexístranse taxas positivas en todas as comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Illes Balears e Canarias con taxas superiores ao 5,00%

Datos de afiliación por provincias

O número medio de afiliacións á Seguridade Social aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado en todas as provincias galegas. A Coruña é a provincia que presenta a maior subida nas afiliacións cunha taxa de variación interanual do 2,30%, o que supón 10.172 afiliacións máis, seguida de Pontevedra (1,06%), Ourense (0,49%) e, por último, Lugo (0,45%). No que respecta ás afiliacións medias deste mes de setembro con respecto ás do mes de agosto, rexistrouse en Galicia un descenso do 0,57%. Lugo presenta o maior descenso cunha taxa de variación intermensual do -0,99%, seguida de Pontevedra (-0,71%), A Coruña (-0,44%) e Ourense (-0,09%).

Información segundo réxime de afiliación

As afiliacións ao réxime xeral, que representan o 78,35% das afiliacións galegas en setembro de 2022, diminuíu un 0,64% con respecto ao mes anterior. Na comparativa interanual obsérvase un aumento do 2,17%. En España estas taxas foron do 0,17% con respecto a agosto de 2022 e do 3,95% en relación ao mes de setembro de 2021. Por provincias, Lugo é a que presenta unha porcentaxe menor de afiliacións ao réxime xeral (72,83%).

Nas afiliacións ao réxime especial de autónomos, as catro provincias galegas amosan unha taxa de variación interanual negativa; Lugo (-2,00%), Ourense (-1,53%), A Coruña (-1,00%) e Pontevedra (-0,83%). A media da comunidade galega sitúase entón no -1,16%. Para este réxime e con respecto ao mes de agosto de 2022, baixan as catro provincias galegas; Pontevedra (-0,34%), Lugo (-0,33%), A Coruña (-0,27%) e Ourense (-0,22%), resultando para o conxunto de Galicia unha taxa intermensual do -0,30%. As taxas nacionais para este réxime presentan unha subida interanual do 0,30% e unha subida intermensual do 0,07%.

No que respecta ao réxime especial do mar, con respecto a setembro de 2021, suben Lugo (1,35%), Pontevedra (0,24%) e A Coruña (0,00%). A taxa galega acada entón o 0,26%, inferior á de España (2,48%). Con respecto a agosto de 2022, A Coruña e Lugo presentan un aumento do 1,35% e 1,13% respectivamente, mentres que Pontevedra presenta un descenso do 1,13%. A taxa galega amosa un descenso do 0,27% con respecto a agosto de 2022. A taxa nacional é do -3,14%.