jueves, 1 de septiembre de 2022

Os populares piden ao Mitma que rectifique e inclúa o Corredor Atlántico na súa planificación para implantar servizos de autoestrada ferroviaria

 

Hoxe os deputados do PPdeG no Congreso solicitamos a comparecencia en Comisión da secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e do presidente da empresa de enxeñería pública Ineco encargada de elaborar o documento definitivo para que informen dos criterios polos que o Executivo central decidiu excluír “de forma inxustificada” a Galicia dos grandes nodos loxísticos de tren.

Na nota de prensa engadimos que:


“Igualmente, piden ao Goberno de Pedro Sánchez que rectifique e inclúa o Corredor Atlántico de Mercadorías na súa planificación para implantar servizos de autoestrada ferroviaria.

O deputado Celso Delgado recordou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no marco do eixo 6 da Estratexia de Mobilidade Segura, Sustentable e Conectada 2030 —denominado Cadeas Loxísticas Intermodais e Intelixentes—, lanzou a iniciativa Mercadorías 30, coa que pretende potenciar o transporte ferroviario de mercadorías. Para iso prevense unha serie de medidas de impacto a curto e medio prazo, cuxa implantación antes de 2030 permita elevar a cota modal deste tipo de transporte ata o 10% e reducir efectos negativos como a contaminación, os accidentes, o ruído ou a conxestión.

“É sorprendente, inxustificado e inexplicable que entre os corredores definidos polo Ministerio como prioritarios para implantar autoestradas ferroviarias quede fóra o Corredor Atlántico, que se estendeu ao noroeste e a Galicia”, manifestou Delgado. “Se estes plans se materializasen, suporían un novo agravio e unha nova exclusión da nosa Comunidade e do norte peninsular da modernización do ferrocarril de mercadorías”, alertou.

Ademais, apuntou que a Xunta non recibiu ningunha explicación sobre os plans do Estado: “O Executivo galego segue sen ter información oficial sobre as previsións que manexa o Goberno de España para avanzar no Corredor Atlántico, unha infraestrutura esencial para o reforzo da competitividade e do futuro da nosa Comunidade”.

Celso Delgado tamén cuestionou que, a día de hoxe, non se dispoña do Plan Director nin se crease un comisionado —similar ao existente para o Corredor Mediterráneo— que a Xunta vén demandado desde hai anos, “e ao que o Executivo central se comprometeu”.

Así mesmo, os populares incidiron na “enorme preocupación” do sector da loxística e o transporte en Galicia pola exclusión da Comunidade e de todo o noroeste no plan de implantación das autoestradas ferroviarias. Sobre isto, explicaron que resulta “imprescindible” que a rede galega, e en especial o Corredor Atlántico, se adapten aos gálibos que precisan os convois mixtos. Por este motivo, preguntaron por escrito ao Goberno se está construíndo o novo túnel de Oural cun gálibo normalizado apto para este tipo de servizos.

http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/6116-o-ppdeg-esixe-a-comparecencia-da-secretaria-de-estado-de-transportes-no-congreso-para-explicar-os-motivos-polos-que-excluiu-a-galicia-dos-grandes-nodos-loxisticos-de-tren