viernes, 2 de septiembre de 2022

En agosto descende a afiliación a Seguridade Social no conxunto estatal (-0,93 %), en Galicia (-0,27 %) e en Ourense (-0,25 %)

 

Hoxe o Instituto Galego de Estatística publica un informe dando a coñecer que o número medio afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de agosto do ano 2022 acadou a cifra de 1.055.331 para o total do sistema, o que supón un descenso respecto ao pasado mes de xullo de 2022 de 2.862 afiliacións (-0,27%). En Ourense, acadou unha cifra de 104.400 persoas, o que suón un descenso de -250 respecto a xullo.

Para o conxunto estatal a cifra de afiliacións sitúase en 20.151.001, rexistrando un descenso do 0,93% con respecto ao pasado mes de xullo.

Na comparativa interanual (agosto de 2022 con agosto de 2021) obsérvase un aumento de 15.861 afiliacións no total do sistema en Galicia (1,53%) e un aumento do 3,48% (677.277 afiliacións) no conxunto estatal. En Ourense o aumento interanual foi do 0,32 % (334 afiliacións)

Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de xullo de 2022, rexístrase unha baixada das afiliacións en catorce comunidades autónomas, destacando Murcia (-1,74%), mentres que só en Canarias (0,15%), Cantabria (0,11%) e Asturias (0,06%) suben as afiliacións.

En canto ás taxas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexístranse taxas positivas en todas as comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Illes Balears e Canarias con taxas superiores ao 5,00%.

Datos de afiliacións por provincias

O número medio de afiliacións á Seguridade Social aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado en todas as provincias galegas. A Coruña é a provincia que presenta a maior subida nas afiliacións cunha taxa de variación interanual do 2,19%, o que supón 9.717 afiliacións máis, seguida de Pontevedra (1,43%), Lugo (0,45%) e, por último, Ourense (0,32%).

No que respecta ás afiliacións medias deste mes de agosto con respecto ás do mes de xullo, rexistrouse en Galicia un descenso do 0,27%. Pontevedra presenta o maior descenso cunha taxa de variación intermensual do -0,44%, seguida de Ourense (-0,25%), A Coruña (-0,19%) e Lugo (-0,11%).


Información segundo réxime de afiliación

As afiliacións ao réxime xeral, que representan o 78,41% das afiliacións galegas en agosto de 2022, diminuíu un 0,29% con respecto ao mes anterior. Na comparativa interanual obsérvase un aumento do 2,24%. En España estas taxas foron do -1,04% con respecto a xullo de 2022 e do 4,13% en relación ao mes de agosto de 2021. Por provincias, Lugo é a que presenta unha porcentaxe menor de afiliacións ao réxime xeral (73,03%).

Nas afiliacións ao réxime especial de autónomos, as catro provincias galegas amosan unha taxa de variación interanual negativa; Lugo (-1,92%), Ourense (-1,42%), A Coruña (-0,75%) e Pontevedra (-0,75%). A media da comunidade galega sitúase entón no -1,01%. Para este réxime e con respecto ao mes de xullo de 2022, baixan as catro provincias galegas; A Coruña (-0,25%), Pontevedra (-0,23%), Lugo (-0,21%) e Ourense (-0,19%), resultando para o conxunto de Galicia unha taxa intermensual do -0,23%. As taxas nacionais para este réxime presentan unha subida interanual do 0,36% e unha baixada intermensual do 0,40%. 

No que respecta ao réxime especial do mar, con respecto a agosto de 2021, caen Pontevedra (-0,94%) e A Coruña (-0,16%), mentres que sube Lugo (0,05%). A taxa galega acada entón o -0,65%, inferior á de España (1,98%). Con respecto a xullo de 2022, Lugo e Pontevedra presentan un aumento do 1,21% e 0,19% respectivamente, mentres que A Coruña presenta un descenso do 0,03%. A taxa galega amosa un incremento do 0,21% con respecto a xullo de 2022. A taxa nacional é do -0,45%.