lunes, 8 de agosto de 2022

A Xunta comparte a necesidade de fomentar o aforro e a eficiencia enerxética, pero rexeita o Real Decreto-lei por non estar consensuado nin coas comunidades autónomas nin cos sectores produtivos

 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou hoxe na Conferencia Sectorial de Enerxía a retirada do Real Decreto de aforro e eficiencia enerxética, que, tal e como lembrou, “non foi consensuado en ningún momento coas comunidades autónomas nin cos sectores produtivos”. 

Así, avogou por que se poida atopar un acordo e tomar medidas cun impacto real “nese obxectivo compartido para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética”.

Neste sentido, o responsable de Economía, Industria e Innovación trasladou ao Goberno que desde a Xunta de Galicia se ofrece “a máxima colaboración e implicación de Galicia” no desenvolvemento deste tipo de actuacións, pero dándolle prioridade ao que están pedindo tanto familias como tecido produtivo.

Así, sinalou a importancia de baixar o prezo eléctrico para que sexa competitivo e estable, corrixir o impacto sobre a inflación, e impedir a paralización da actividade en determinadas industrias. 

A este respecto, lembrou que o sector industrial está atravesando nestes momentos por “moitísimas dificultades” polo prezo enerxético, tanto eléctrico como de gas, unha situación que, tal e como apuntou, está afectando xa ao emprego.

Conde salientou que a normativa estatal “o único que xerou foron dúbidas e incertezas sobre a súa aplicación” e insistiu en apostar polo diálogo para que, tal e como marca a Comisión Europea, se poidan identificar medidas compartidas, tanto desde as administracións públicas como do sector privado, pensando no impacto que poidan ter no comercio, no turismo, na restauración e na industria.

Real Decreto-lei, sen cambios

A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera nesta xuntanza de hoxe reiterou que as medidas de aforro e eficiencia enerxéticas contidas no Real Decerto-lei -apagado de iluminación a partir das 22:00h en escaparates e en edificios de uso público cando estes estean baleiros, ou os novos límites de 27º para o aire acondicionado e 19º para a calefacción nos meses de inverno, entre outras- entrarán en vigor ás cero horas do mércores 10 de agosto, segundo o previsto.

O RDL non se vai a retirar e aplicarase "sen cambios nin modificacións". No transcurso da Conferencia Sectorial, Ribeira e Maroto rebateron as críticas de improvisación na aprobación do RDL. Os límites de termostato nos espazos e ámbitos de concorrencia pública están vixentes desde a aprobación do Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios (RITE) en 2007 e a súa modificación en 2009, e tamén as excepcións e os rangos de flexibilidade que, segundo os casos, define a lexislación de saúde laboral e dereitos dos traballadores desde 1997.

Pola súa banda, a ministra Maroto lembrou que foi o propio sector comercial o que, con carácter previo, admitiu que o apagado anticipado dos escaparates representa un aforro importante na factura eléctrica. A titular de Industria, Comercio e Turismo lamentou ademais o "ruído e a confusión" que xeran quen fala de inseguridade pola perda da iluminación comercial, cando é a iluminación urbana o elemento garante da seguridade nas rúas.