O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou tras o Consello celebrado o 14 de xullo que a Xunta vai investir 8,6 millóns de euros en adaptar os espazos dos hospitais das áreas sanitarias de Lugo e Ourense ao novo equipamento tecnolóxico que incorporarán o vindeiro ano. Rueda resaltou que grazas a esta tecnoloxía, que nalgúns casos se incorpora por primeira vez aos hospitais de Lugo e Ourense, “moitos pacientes” non terán xa que desprazarse a outras áreas sanitarias para facer unha proba ou tratar algunha patoloxía.
“Trátase de mellorar a calidade asistencial dos
pacientes”, explicou o titular da Xunta, que recoñeceu que a instalación dos
novos equipamentos obriga a facer obras ou reformas, “algunhas importantes”,
nalgúns espazos dos hospitais do Sergas.
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da
Consellería de Sanidade sobre os contratos de obras derivados da incorporación
de novo equipamento tecnolóxico nos hospitais públicos galegos. Nel informouse
de dous novos expedientes de investimento para adaptar os hospitais da rede do
Sergas aos novos equipos que se adquirirán cos fondos Next Generation. Trátase,
por un lado, do contrato da obra de remodelación das novas áreas de cardioloxía
vascular intervencionista no Complexo Hospitalario de Ourense, por 2,9 millóns
de euros; e, por outro, do contrato de obra de implantacion de resonancia
magnética e TAC no Hospital da Mariña, por un millón de euros.
Respecto do expediente referido ao Hospital de
Ourense, e para cumprir os prazos de instalación que os fondos Next Generation
exixen para estes equipamentos, o Executivo galego licita conxuntamente o
proxecto e a obra. Para tal efecto, a Área Sanitaria de Ourense elaborou un
plan funcional que define as necesidades actuais e futuras das novas áreas de
cardioloxía intervencionista e radioloxía vascular, no cal se propón a reforma
do andar cinco do edificio cirúrxico para a súa reconversión en área de
cardioloxía intervencionista e, deste xeito, poder instalar a nova sala de
radioloxía vascular no espazo que deixa a actual sala de hemodinámica no sexto
andar do Edificio Cristal.
A actuación no andar cinco permitirá crear unha zona
para uso de cardioloxía vascular intervencionista no edificio cirúrxico
(edificio sur) no que incorporar a nova e máis moderna sala de hemodinámica que
se situará no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a través do plan
de renovación de equipamento, así como instalar unha sala de electrofisioloxía.
A proposta para a planta seis permite destinar o total
deste andar do edificio norte á área de radioloxía vascular, instalando nela
tanto o equipo de radioloxía vascular intervencionista, que substitúe o
existente, como o novo equipo de neurorradioloxía vascular, que se incorpora
por primeira vez a este centro sanitario, posibilitando ter unidade de ictus.
É importante remarcar, así mesmo, que a secuenciación
do conxunto de traballos establecido no anteproxecto permite que a actividade
dos servizos médicos non se vexa interrompida.
Esta obra supón unha mellora no nivel de modernización
tecnolóxica do parque instalado no Sergas, reforzando así o Goberno galego as
capacidades tecnolóxicas e asistenciais dos centros sanitarios públicos, o que
supón un incremento da supervivencia global e a calidade de vida da cidadanía
da nosa Comunidade, mediante o diagnóstico de enfermidades en estadios
temperáns.
Outras licitacións
A Xunta de Galicia xa licitou a obra de implantación
da Unidade de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de
Ourense, por 3,1 millóns de euros, así como a obra de implantación da Unidade
de Radioloxía no Hospital Lucus Augusti, por máis de 694.000 euros; e a obra de
implantación da área de PET, tamén no Hospital de Lugo, por un millón de euros.
As distintas obras licitadas van permitir que durante
o vindeiro ano se incorporen aos hospitais das áreas sanitarias de Lugo e
Ourense os novos equipos adquiridos a través dos fondos Next Generation.
En consecuencia, o Executivo galego suma xa un
investimento de máis de 8,6 millóns de euros en acondicionar os hospitais das
áreas sanitarias de Lugo e Ourense para a instalación do novo equipamento que a
Xunta incorpora a través destes fondos.
Este novo equipamento, supón, pola súa vez, un
investimento de 13,8 millóns de euros na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O
Barco de Valdeorras e de 7,9 na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de
Lemos.
En conxunto, a Xunta destina máis de 30 millóns de
euros, entre equipamento e obra para incrementar a capacidade de diagnóstico e
de tratamento nos hospitais destas dúas áreas sanitarias.
Por último, sinalar que os orzamentos da Xunta de
Galicia para este ano incorporan o uso de máis de 60 millóns de euros de fondos
Next Generation para adquirir máis de 70 novos equipos para o Sergas.