sábado, 2 de julio de 2022

Rueda dálle as grazas a Feijóo “por poñer tantas veces a Galicia como referencia do que se pode chegar a facer en toda España”

Hoxe o presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, deulle as grazas ao presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, “por poñer tantas veces a Galicia como referencia do que se pode chegar a facer en toda España”, evidenciando “os efectos da xestión, da serenidade e da unidade”. 

“Grazas porque moitísimos españois crean que hai unha alternativa ao que estamos vivindo; crean que a política merece a pena cando se fai ben e merece ser confiada cando hai un proxecto maioritario e útil, e que achega ilusión e convicción, pero tamén xestión. Esa é a marca Feijóo”, salientou Rueda.

 

O líder do PPdeG participou este mediodía na IV Romaría popular do Pino do PP da provincia da Coruña, na que tamén estivo presente o presidente nacional e o provincial, Diego Calvo, coa presenza de máis de 4.000 persoas na área recreativa da Magdalena.

 

“Conta co teu partido, coa forza que che imos dar desde aquí, con que aquí seguiremos facendo as cousas ben, collendo o bo que ti fixeches e intentando melloralo”, dirixiuse Rueda a Feijóo, ao que agradeceu “o que fixo”, conseguindo catro maiorías absolutas, deixando un Goberno cohesionado e unha comunidade autónoma saneada, e “o que está facendo”.

 

 

O presidente do PPdeG asegurou que Galicia seguirá “reclamando o que ten que reclamar” ao Goberno central. “Galicia non quere quitarlle nada a ninguén, pero non imos deixar que nos quiten nada”, dixo en referencia á chegada da alta velocidade a todo o territorio, as decisións sobre a Sanidade ou a consolidación dos fondos Next Generation.

 

“SAÍMOS A GAÑAR NOS 93 CONCELLOS DA PROVINCIA”


Así mesmo, Rueda dirixiuse aos representantes locais da provincia, a menos dun ano dos comicios, e sinalou que o PPdeG ten que facelo ben nas municipais por varios motivos: “primeiro, por Galicia; segundo, polos 93 concellos que esperan que se fagan as cousas ben; despois, pola quinta maioría absoluta nas autonómicas, que é posible e a imos conseguir; e por último, porque o presidente Feijóo se merece que a xente de toda España vexa que aquí ten a súa principal infantería, a xente que lle vai dar o triunfo”.

 

Nesta liña, lembrou que se os populares non gañan coa maioría suficiente, non van poder gobernar. “Saímos a gañar nos 93 concellos da provincia da Coruña, e para iso hai que traballar moitísimo”, incidiu.

 

Por último aproveitou para dar as grazas a todos os presentes, “fundamentais” e “sempre aí cando se lles necesita”; aos alcaldes, alcaldesas e portavoces do PP da Coruña, aos que lles pediu “un esforzo para progresar cada día un pouco máis”; e tamén ao presidente provincial, Diego Calvo, polo seu labor.