jueves, 28 de julio de 2022

EPA IIT de 2022: "A taxa de paro de Galicia (11,20) é a menor nun 2ºT dos últimos 14 anos e continúa sendo máis baixa que a do Estado (12,48)"


Difunde hoxe o
INEEnquisa de Poboación activa (EPA) correspondente ao 2º Trimestre de 2022. Estos son os principais datos procesados polo Instituto Galego de Estatistica (IGE).

Poboación activa

No segundo trimestre de 2022 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.341.600 persoas, das cales 1.244.700 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,2 %. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 12.300 persoas e a taxa de actividade crece 0,5 puntos respecto ao primeiro trimestre de 2022.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, o número de persoas activas aumenta en 15.600 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,7 puntos. Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 0,2 puntos, situándose no 57,3 %. A taxa de actividade feminina tamén aumenta, neste caso 0,8 puntos porcentuais, e sitúase no 49,3 %.

Poboación ocupada

A ocupación aumenta en 13.800 persoas no segundo trimestre de 2022 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.105.200 persoas ocupadas. A taxa de ocupación aumenta con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 47,2 %. Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 28.500 persoas, o que supón un incremento do 2,6 % en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu a ocupación masculina e aumentou a feminina: o número de ocupados varóns diminuíu en 900 persoas respecto ao primeiro trimestre do ano 2022; a ocupación das mulleres rexistrou, pola súa banda, un aumento de 14.700 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha diminución da taxa de ocupación masculina de 0,1 puntos; a taxa de ocupación feminina incrementou en 1,2 puntos, con respecto ao trimestre pasado. Con respecto ao segundo trimestre do ano 2021, o número de homes ocupados aumenta en 9.700 persoas (un 1,7 %), mentres que o de mulleres ocupadas aumenta nun 3,7 %.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta nos sectores primario e servizos, pero diminúe no sector industrial e a construción. Nos servizos a ocupación increméntase en 13.600 persoas no segundo trimestre do ano respecto ao anterior; na construción, a diminución cífrase en 1.800 persoas. O sector primario rexistra un aumento de 2.500 traballadores e traballadoras e, na industria, a baixada cífrase en 500 persoas. Con respecto ao mesmo trimestre de 2021, a ocupación diminúe no sector primario (un -2,7 %), diminúe na industria (-0,2 %), diminúe na construción (-5,6 %) e aumenta nos servizos (4,6 %).

Poboación asalariada

En Galicia había 899.500 persoas asalariadas no segundo trimestre de 2022, 718.500 con contrato indefinido e os 181.000 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 26.600 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 3,8 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 19.400 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 9,7 % con respecto ao primeiro trimestre de 2022). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 9,3 %, e as persoas con contrato temporal diminuíron un 13,6 %. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 20,1 %.

Poboación parada

No segundo trimestre de 2022 en Galicia había 139.400 persoas en paro, 1.600 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,2 puntos e sitúase no 11,2 %. Con respecto ao segundo trimestre do ano 2021, o número de parados e paradas diminúe en 13.000 persoas (un 8,5 %) e a taxa de paro diminúe 1,2 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta o paro masculino e diminúe o feminino: o número total de homes parados sitúase en 67.700 persoas (3.000 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 71.700 persoas (4.700 mulleres menos en paro). A taxa de paro masculina aumenta 0,4 puntos porcentuais e a feminina diminué 1 punto, situándose a primeira no 10,5 % e a segunda no 11,9 %. No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 4.000 persoas (un 5,6 % menos) e o volume de paradas diminúe en 8.900 persoas (un 11 % menos que hai un ano).

 

Fogares

No segundo trimestre de 2022, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.800 unidades e sitúase en 52.500 fogares. Respecto ao segundo trimestre de 2021, esta tipoloxía de fogares redúcese un 9,6 %. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 6.000 unidades. O número de fogares nesta situación é de 636.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 23.900 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 3,9 % en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 321.500 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 115.900 (o 36 %) están ocupados/as, 36.000 (o 11,2 %) parados/as e os 169.500 (o 52,7 %) restantes son inactivos. A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 36,1 % no segundo trimestre de 2022. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 1,3 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2021 aumenta 4,4 puntos. A taxa de paro xuvenil sitúase no 23,7 % neste trimestre; diminúe 1 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co segundo trimestre de 2021, redúcese 3,4 puntos.

No segundo trimestre de 2022, o 75,2 % dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao primeiro trimestre de 2022, esta cifra aumenta un 6,2 %; a cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial diminúe neste trimestre, en 500 persoas. Con respecto ao segundo trimestre de 2021, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 11.900 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 2.500 persoas).

Dos 106.300 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 49,2 % está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 10,6 % respecto ao trimestre anterior; aumenta tamén, neste caso un 57,5 %, respecto ao mesmo trimestre de 2021. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal redúcese un 2,7 % respecto ao trimestre pasado, e diminué un 10,3 % respecto ao segundo trimestre de 2021. A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 50,8 %.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Ourense e Lugo son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (51,1 % e 53,3 % respectivamente) no segundo trimestre de 2022. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (41,8 %). No referido ás taxas de paro, este trimestre Santiago de Compostela é o concello de entre os sete grandes con menor valor (8,3 %) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (17,2 %).

Ourense 

Estos son os principais datos da nosa provincia:

A 30 de xuño en Ourense había 14.300 persoas paradas, 2.000 menos que a 30 de marzo de 2021. E 800 menos que no trimestre anterior.

A taxa de actividade queda situada no 48,99 % e a de paro no 10,84 %.

A poboación ocupada ao remate do primeiro trimestre é de 117.400 persoas, 4.500 máis que a 30 de marzo de 2021. E 300 menos que no trimestre anterior.


Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa