martes, 5 de julio de 2022

A Xunta licita por 144.505 euros as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 144.505 euros as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño.

Cos traballos licitados hoxe, a Xunta  impulsa a instalación dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co obxecto de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.

 

O contrato licitado hoxe comprende os traballos necesarios para a posta en marcha da parada de autobús: a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio. As empresas interesadas nestes traballos teñen ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas.

 

Máis en detalle, co fin de acadar unhas condicións óptimas de seguridade para a subida e baixada de viaxeiros, as obras obxecto deste contrato consistirán na execución dunha parada de autobuses, configurada como illa, entre a citada avenida, a dársena de aparcamento da estación ferroviaria e os accesos á mesma.

 

Na intervención inclúese a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio. Ademais, o refuxio protexerá aos usuarios do transporte público das inclemencias meteorolóxicas.

 

Esta actuación da Xunta fortalecerá a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño e enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño entre a Xunta e o Concello, por importe de preto de 190.000 euros, nos que se inclúe a redacción do proxecto obxecto das obras licitadas hoxe.


Segundo o acordo asinado, a Xunta achegará integramente o financiamento para os traballos e executará as obras; mentres que a entidade local asume a posta á disposición dos terreos necesarios para a súa instalación e o mantemento e conservación da infraestrutura ao remate dos traballos.

 

Con este contrato, o departamento que dirixe Ethel Vázquez dá resposta á solicitude do Concello para o acondicionamento dunha parada de autobús intermodal na parcela da estación ferroviaria do Carballiño, logo de asinar a entidade local o arrendamento da mesma co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

 

Esta actuación é susceptible de obter financiamento no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19, e ten por obxecto mellorar a calidade ambiental potenciando o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e facilitar unha mobilidade urbana sostible, así como incrementar os usuarios do transporte público dos dous medios de transporte.