lunes, 13 de junio de 2022

Rueda avanza que Galicia reforza o seu compromiso coa FP Dual no vindeiro curso cun 20% máis de ciclos e un 25% máis de prazas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que Galicia segue reforzando o seu compromiso coa Formación Profesional Dual de cara ao vindeiro curso académico, co aumento nun 20% máis os ciclos e outro 25% adicional o número de prazas.

Anunciou que o Goberno galego redobra a aposta pola FP ofertando 37.588 prazas en primeiro curso en centros con fondos públicos, o que supón 1.700 máis que o ano pasado, e un 52% máis que hai exactamente unha década.

Desas prazas, 26.400 son para os ciclos ordinarios, cunha vintena de incorporacións; 4.400 no réxime de persoas adultas e cinco ciclos máis; 4.300 na FP a distancia, tamén con once ciclos a maiores e un 18% de aumento; 680  prazas en másteres de FP e nove másteres que se estrean; e un total de 1.800 prazas en FP Dual, onde se ofrecerán 119 proxectos a través de 56 titulacións diferentes.

Rueda referiuse ao éxito que está experimentando a Formación Profesional na última década, o que a converte en sinónimo de aprendizaxe, adaptación á nova realidade laboral e empregabilidade. Neste senso, salientou que hai un 70% máis de matriculados que en 2009, e destacou unha inserción laboral inapelable, que se sitúa por riba do 80% na FP ordinaria e chega case o pleno emprego na FP Dual.

O presidente galego salientou a relevancia da Formación Profesional Dual, que mestura os contidos coa aprendizaxe práctica na empresa. “Todos sabemos que o futuro é cambiante, pero na FP é Dual”, afirmou, e destacou que así o interpreta tamén o tecido produtivo, con máis de 800 empresas que colaborarán en ciclos de FP Dual.

“Nestas aulas ponse a semente de futuros grandes profesionais, e a FP Dual faino desde as raíces do territorio”, incidiu, ao resaltar que os ciclos están adaptados á contorna produtiva das empresas, co que se acurta a ponte entre a realidade formativa e a laboral. Para ilustralo, puxo o exemplo do novo ciclo medio de Pedra Natural que se implantará no Porriño en colaboración co Clúster do Granito.

Sobre os másteres da FP destacou que ademais de ser un trampolín cara un posto de traballo, tamén supón unha oportunidade de especialización, sobre todo, naquelas profesións de alto valor engadido. De aí a oferta e o incremento do 26% no número de prazas que se ofertan para o vindeiro curso. Os alumnos interesados nesta alternativa, poderán elixir entre 16 titulacións diferentes, algunhas delas novas como a de Materiais compostos na industria aeroespacial.

Esta nova oferta que se presentou hoxe responde ao desenvolvemento da Estratexia de FP Galicia 2030, dotada de 900 millóns de euros ata o vindeiro ano 2024.

Na súa intervención, o titular do Executivo galego referiuse ao desenvolvemento dos 24  Centros Integrados de excelencia que hai en Galicia, ao que se lle sumará, no vindeiro ano, o CIFP Fermín Bouza Brey, en Vilagarcía de Arousa, especializado en Electrónica, Mantemento de vehículos, Comercio ou Industrias Alimentarias, entre outros.
CIFP Portovello

Rueda louvou os resultados acadados ata agora no eido da FP, que supoñen un incentivo, ao constatar que o abandono educativo segue á baixa, en parte, grazas a esta modalidade educativa; a formación de profesionais ben cualificados e preparados para afrontar un panorama laboral movedizo.

O presidente galego explicou que se trata dunha oferta potente pero non pechada, que aínda pode incorporar proxectos de FP Dual para seguir estreitando vínculos entre a empresa e a formación. 

“A revolución silenciosa da FP só deixa triunfos: para os alumnos, para as empresas e para todo o país”, concluíu.