Alí, destacou que a súa formación chegará a onde se propoña se o fai sen deixar a ninguén atrás: “Creo que o pelotón do PPdeG ten que acoller a todos para avanzar máis. Cada un desde o noso cometido, pero todos arredor dunhas siglas, dunhas ideas e dun proxecto sólido e unívoco”.
Sobre isto, indicou que el vai ser o primeiro en traballar para manter a unidade, en animar ao partido, en pedir que se fagan novos camiños e en compartir os triunfos. “Isto non fixo máis que comezar. Pídovos que sigamos ofrecendo un proxecto ilusionante a cada galego, que sigamos gañándonos a confianza de quen nos apoiaron antes con motivos renovados e que non renunciedes a convencer aos que nunca nos votaron”, recalcou.
ACADAR NOVOS TRIUNFOS
Durante a súa intervención, Rueda explicou os motivos polos que se presenta a presidir a formación na Comunidade, recoñecendo que dá ese paso porque se ve capaz de levar ao partido a novos triunfos, está ilusionado por ofrecer un proxecto dunha Galicia aínda máis forte e puxante, ten unha traxectoria de xestión útil e pode asegurar un Goberno estable centrado en gobernar para o conxunto dos galegos e non ocupado en contentar a un socio.
Por todo isto, pediu a confianza dos seus compañeiros para que na nosa Autonomía non se produza o bochorno que vemos a diario no Executivo central, para que o PPdeG contribúa decisivamente a levar a Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno de España e para traballar co obxectivo de que os galegos lle outorguen aos populares a quinta maioría absoluta consecutiva.
ILUSIÓN, PROXECTO E RESULTADOS
“SEN PRECEDENTES”
O candidato tamén se amosou agradecido polos máis de
7.000 avais obtidos para presentarse a liderar a organización, aclarando que
este récord non é unha medalla persoal, senón que simboliza que o partido pode
mellorar aínda máis as súas marcas.
Nese senso, insistiu en que queda moito por facer, pois hai que saír do Congreso máis unidos e ilusionados que nunca, ofrecer un proxecto para acadar un país cunha economía e cuns servizos mellores, e traballar para acadar un resultado electoral “sen precedentes” como é unha quinta maioría absoluta. Así mesmo, puxo en valor a traxectoria de éxito do PPdeG, unha senda de servizo aos galegos, de unidade, de estabilidade, de xestión e de confianza que agora deben continuar enriquecendo e reforzando.
Tras incidir en que os populares seguirán sendo fieis aos intereses de Galicia e que aproveitarán o Conclave autonómico para ser aínda máis útiles, salientou que -ao contrario do que procuran o resto de forzas políticas- non buscan ser elixidos por descarte, sumar con quen sexa só para conseguir algo de poder, impoñer aos galegos como teñen que ser e pensar ou esperar ao que diga Pedro Sánchez para saber o que dicirlle aos cidadáns.
Igualmente, engadiu que o PPdeG non goberna a tempo partido nin é unha formación “de rachas”, resaltando que tampouco están “tan fóra da realidade como para dicir que me gañaron nas eleccións”, como afirma o BNG: “Primeiro, non me presentei nunca; e segundo, sempre que a señora Pontón foi cabeza de cartel, perdeu”.