Na súa intervención,
Rueda defendeu que as políticas deben ser útiles e centrarse nas preocupacións
reais e cotiás dos galegos e galegas. E nesta realidade diaria, a sanidade e as
políticas de apoio ás familias son unha peza fundamental.
Por iso, e para
seguir afondando nesta Galicia acolledora para todos, Rueda anunciou que, de
ser elixido, Galicia se converterá na comunidade autónoma cun calendario
vacinal infantil máis completo coa incorporación de tres novas vacinas,
totalmente gratuítas para as familias: a da meninxite B, a do virus do papiloma
humano para os nenos e a antigripal tetravalente.
Esta aposta por unha
sanidade de calidade reflectirase tamén na aposta por mellorar o seu principal
elemento vertebrador: a atención primaria. Así, Rueda adiantou que o seu futuro
Goberno culminará a maior reforma de atención primaria da Galicia autonómica,
impulsará a contratación de todos os especialistas en medicina de familia e a
formación de todos os que permita o Goberno central.
MELLORAS FISCAIS,
SOCIAIS E EDUCATIVAS
Esta medida vén a
complementar outra novidade que se incorporará en 2023: as familias galegas con
dous fillos menores de 25 anos contarán cos mesmos beneficios fiscais a efectos
de IRPF que as familias numerosas. Isto é, unha dedución de 250 euros no tramo
autonómico, que se incrementará con outros 250 euros máis por cada fillo a
partir do terceiro, este incluído, como mostra de compromiso familias
numerosas.
No ámbito do emprego,
fixo fincapé en apostar por un traballo de calidade e defendeu a consolidación
dunha industria sustentable que impulse o crecemento das pemes e xere emprego
no rural, como o caso da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri; o
mantemento de sectores de gran puxanza para Galicia, como o automóbil ou o
téxtil; e o impulso dos sectores emerxentes. Tamén reservou unha mención
especial á necesidade de fomentar o emprego digno entre a mocidade.
Xa no eido social,
nesta Galicia que acompaña do berce ao bastón, Rueda apostou por manter ás
persoas maiores no primeiro plano. Para facilitarlles esta participación, todas
as oficinas da Xunta contarán cunha canle preferente e máis humana para os
maiores de 65 anos. Ademais, a comunidade continuarase dotando de novas prazas
públicas destinadas ao seu coidado e reduciranse á metade os trámites para
acceder ás axudas á dependencia. Para os máis pequenos, recordou que a partir
de setembro máis de 30.000 familias galegas se beneficiarán da educación
infantil gratuíta para todos os nenos de ata 3 anos, vaian á escola que vaian.
A nivel educativo,
apostou por que se redobre a aposta contra o acoso escolar, o que se fará a
través dunha nova Estratexia galega de convivencia escolar. Tamén sinalou que
se seguirá promovendo a Formación Profesional e a aprendizaxe de idiomas e de
competencias STEM.
Por último, entre as
novas medidas anunciadas dentro do marco do seu novo proxecto situou o
lanzamento do Bono Xacobeo Xove, que busca desestacionalizar o turismo no
Camiño de Santiago ao bonificar estadías para os mozos durante a primavera, o
outono e o inverno. Ademais, sinalou que, de ser escollido presidente, creará
unha área específica de termalismo dentro do organigrama da Xunta.
PAPEL DE GALICIA E
BALANCE DOS ÚLTIMOS 13 ANOS
Durante a súa
intervención, o candidato do PPdeG sinalou que traballará para que Galicia
manteña e amplíe o prestixio que gañou nestes anos, ao tempo que reivindicará
para os galegos aquilo que merecen. Entre outras demandas, salientou a dun novo
modelo de financiamento autonómico e a de novas competencias para a comunidade
autónoma. De feito, adiantou que, de ser elixido, trasladaralle ao Presidente
do Goberno recordando os compromisos do Goberno central con Galicia que aínda
quedan por cumprir.
Rueda considerou que
Galicia está en condicións de representar un papel protagonista en España e,
apuntou, niso tiveron moito que ver os últimos 13 anos de goberno estable que
converteron á comunidade nun lugar mellor para vivir do que era en 2009. Entre
outros fitos e logros desta máis dunha década, Rueda puxo en valor a economía
saneada de Galicia, o progreso económico, a sociedade do benestar completa e un
sistema sanitario que demostrou unha gran fortaleza tras o impacto da pandemia.