jueves, 21 de abril de 2022

Reforzo da cooperación transfronteiriza de proximidade no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

 

O meu interese pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, é  constatable polas moitas entradas publicadas neste Blog, unha da últimas tivo que ver coa miña participación o 4 de outubro de 2021 no IX Foro Parlamentario Hispano-Portugués  onde defendín varias propostas concretas de interese global para a nosa Eurorrexión: 

O papel decisivo do financiamento do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) para o desenvolvemento da fronteira luso-española; a necesidade dunha discriminación territorial positiva ao territorio da fronteira, recoñecendo a súa elevada permeabilidade social, a súa dinámica económica específica e a identidade cultural compartida; a importancia de profundar no nivel de cooperación transfronteiriza con proxectos de desenvolvemento económico conxuntos, a necesidade de priorizar os investimentos en conectividade, etc.

Neste labor de seguimento aludo nesta entrada  a que o pasado 23 de marzo tivo lugar en Vigo a reunión da Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento para este ano, ademais de acordar a elaboración de proxectos de cooperación transfronteiriza acordes coas novas orientacións do novo programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027.

Comprometéronse a  :

Intensificar a cooperación transfronteiriza de proximidade.

Apoiar a cooperación empresarial apostando nos protocolos de cooperación con asociacións empresariais da Eurorrexión, nos clústeres do téxtil, da explotación forestal, do automóbil e do turismo, así como na especialización eurorrexional en novas áreas, das que a aeroespacial é un exemplo.

Comezar a preparar un novo período de programación, estando atentos ás novidades do POCTEP e preparando proxectos acordes coas novas orientacións.

Apoiar a mobilidade académica,  a través do programa  de éxito Iacobus, para investigadores e persoal administrativo das universidades, institutos politécnicos e Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión. En 2022 lanzaranse novas convocatorias para Estadías, Publicacións Científicas e Patentes. 

Ademais de impulsar a mobilidade xeográfica -para a que será decisivo o estatuto do traballador transfronteirizo ou do eurocidadán)- ou, mais específicamente, a ferroviaria (coa aposta firme no tren de alta velocidade Porto-Vigo)

Seguir incentivando as achegas Culturais na Eurorrexión, a través do proxecto Nortear, ou Turísticas con o proxecto “Facendo Caminho,”. A AECT da Eurorrexión continuará a colaborar na promoción e difusión dos Camiños de Santiago en Portugal, coa dirección de Turismo do Norte luso e a de Galicia  co obxectivo de presentar, neste 2022, as bases para o plan director das rutas xacobeas portuguesas a Compostela.

A Asemblea rematou coa declaración de condena á guerra de Ucraína e o compromiso para realizar un informe sobre o impacto da guerra na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

AECT

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial - Galicia-Norte de Portugal ( GNP-AECT) formalizouse o 18 de Febreiro de 2010 coa toma de posesión dos Órganos Directivos. Entrou en funcionamento o 1 de Marzo deste mesmo ano.

Ten como obxectivo facilitar e fomentar a cooperación territorial entre os seus membros, a Xunta de Galicia e a  CCDR- N, superando as expectativas en diferentes niveis, onde a súa principal preocupación é a de desenvolver e proporcionar colaboracións, creando así vínculos de unión en diferentes áreas de actuación.

Pretende con iso, promover e valorizar a competitividade do tecido empresarial a través do coñecemento e da innovación, potenciar e racionalizar os equipamentos básicos  tranfronterizos e aumentar a cohesión social e institucional da Eurorrexión.

A súa maior expectativa é a de promover intereses e obxectivos comúns que cren maior valor do esperado individualmente polos seus membros.