Esta mañá tivo lugar na cidade de Ourense un Consello da Xunta de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo.
Nel avanzou hoxe un investimento de 5,5
millóns de euros para as obras e equipamento do novo servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario
de Ourense.
Durante a rolda de prensa do Consello,
Feijóo precisou que este servizo trasladarase á planta -1 do CHUO, o que
permitirá mellorar as instalacións -con catro áreas diferenciadas- e incorporar
alta tecnoloxía como: a renovación das dúas novas gammacámaras existentes ou
instalar un equipo PET-TC.
O presidente da Xunta recordou que
despois do novo edificio posto en marcha en 2017, cun investimento de 41
millóns de euros, a Xunta está inmersa nunha reforma integral do centro, co fin
de iniciar este mes de marzo a construción dun novo edificio hospitalario e
reformar o materno infantil -52,6M€-. Así mesmo, xa está licitado o proxecto
para renovar e triplicar o espazo actual da Unidade de Coidados Intensivos,
para o que se destinarán 9,4 millóns de euros; e o pasado verán rematouse o
Plan funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio
ambulatorio no complexo hospitalario.
Máis de 340.000 metros cadrados de nova superficie industrial
En materia económica, Feijóo destacou a avaliación do Plan Estratéxico 2022-2024 do
Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que ten como obxectivos atraer
novos proxectos empresariais, mellorar os servizos e infraestruturas, poñer
espazos ao servizo dos autónomos e aproveitar as oportunidades dos fondos Next
Generation e a chegada do AVE.
Para contribuír a este crecemento e consolidación de solo empresarial no concello de San Cibrao das Viñas, anunciou que a Consellería de Medio Ambiente habilitará máis de 340.000 metros cadrados de nova superficie industrial, cun investimento de 10 millóns de euros. “Isto farémolo a través da modificación do PXOM”,precisou, subliñando que, unha vez feito isto, a previsión é licitar as obras de urbanización este mesmo ano.
Polígonos agroforestais de iniciativa pública de Galicia
No eido rural, o responsable do Goberno
autonómico salientou a declaración dos
dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública de Galicia,
que estarán situados nos concellos de Oímbra e Cualedro, como iniciativas de
utilidade pública e de interese social. “O obxectivo é recuperar a actividade
agrícola ou forestal en áreas de terra agroforestal que, co paso do tempo,
quedaron abandonadas ou están infrautilizadas”, dixo, explicando que a
declaración de utilidade pública e de interese social permitirá a tramitación
urxente dos procedementos para poñer en marcha estes dous polígonos.
O polígono
de Oímbra, que contará cunha superficie de 22 hectáreas repartidas en 70
parcelas de 73 propietarios, terá como actividade principal en toda a súa
extensión os cultivos agrícolas de ciclo curto e, na parte sur, a gandería
extensiva; e como actividade secundaria, as árbores froiteiras e, na parte sur,
a gandería extensiva.
O polígono de Cualedro, contará
cunha superficie de 64 hectáreas, repartidas nunhas 70 parcelas de 70
propietarios. Como actividade principal establecerase a gandaría de extensivo e
cultivos complementarios, contemplando a produción para carne de gando vacún,
porcino, ovino e cabrún e dando prioridade ás explotacións que inclúan unha
produción integrada en ecolóxico-; e como actividade secundaria, outros
cultivos agrícolas e árbores froiteiras, mantendo sempre a vexetación de
ribeira existente.
Revitalización da fortaleza de Monterrei e ampliación
do estadio do Couto
No eido cultural, Feijóo resaltou un
investimento de 17 millóns de euros para o proxecto
de valorización da fortaleza de Monterrei, unha iniciativa que implicará
catro anos para restaurar a estrutura, mellorar as calidades paisaxísticas e
aplicar criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. “O obxectivo é
converter a fortaleza nun recurso turístico de primeira orde para a provincia”,
abundou.
En relación ao deporte, o titular da
Xunta referiuse ao proxecto de
ampliación, reforma e mellora do estadio do Couto, cunha licitación por
preto de 2 millóns de euros. Unha vez adxudicadas, en torno ao mes de xuño,
comezaranse as obras, cun prazo de execución de sete meses.
Mobilidade sostible
No fomento da mobilidade sostible,
destacou a posta en marcha da construción
dun itinerario peonil e ciclista que conecte a cidade de norte a sur, cun
investimento de 4,5 millóns de euros; así como a execución de dúas sendas peonís na estrada OU-101
ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e
Paderne de Allariz, nas que se investirán máis dun millón de euros.
Concurso de ideas para a sede administrativa da Xunta
Por último, o presidente do Goberno
galego anunciou a convocatoria dun concurso
de ideas para o deseño da nova sede administrativa da Xunta en Ourense, á
que se trasladarán máis de 940 traballadores.
Esta nova sede enmárcase na estratexia
de alugueiros cero que está a levar a cabo a Administración autonómica desde
2009, co obxectivo de concentrar servizos administrativos nos mesmos espazos e
aforrar costes no aluguer.