miércoles, 9 de febrero de 2022

Asinado o convenio para o financiamento, execución e posterior entrega das obras de mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle

 

O 29 de xaneiro de 2016, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) asinou o Protocolo de colaboración co Concello de Ourense para o financiamento e execución das obras de 'Mellora do saneamento e depuración de augas residuais na parroquia de Velle (Ourense)", compromiso que posibilitaría a realización das actuacións. Este documento foi  asinado polo presidente da CHMS, Francisco Marín e por Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

O obxectivo deste traballo era obter a mellor solución ao problema do saneamento existente na zona, concretamente
expoñíanse dúas alternativas a estudo, por unha banda, a incorporación das augas residuais do núcleo de Velle ao saneamento xeral e, por outra, a execución dunha infraestrutura de depuración de augas residuais que cubrira as necesidades concretas da zona.

O 14 de abril de 2016 a CHMS, daba conta de que licitou por 82.975 euros o contrato de redacción do proxecto construtivo para a mellora do saneamento de Velle, en Ourense, O prazo máximo de redacción do proxecto estímabase en 7 meses.

Hoxe, o actual presidente da CHMS José Antonio Quiroga, e Armando Ojea, teniente de alcalde do Concello de Ourense, rubricaron o Convenio de colaboración para o financiamento, execución e posterior entrega das obras de mellora do saneamento e depuración de augas residuais en  Velle,  T.M. de Ourense.

Quiroga sinalou que “este proxecto, que supón un investimento de máis de 3.000.000 €, será sufragado ao 50% entre ambas as administracións, en aras da colaboración institucional que este Organismo de conca brinda aos distintos concellos que presentan deficiencias nos seus sistemas de depuración, que minguan a calidade da auga dos nosos leitos fluviais”.

Afirman na nota de prensa que “no momento actual, a rede de saneamento dunha parte da parroquia de  Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense, dispoñendo de catro fosas  sépticas cuxo funcionamento resulta ser moi deficiente e provoca recorrentes verteduras ao  rio Miño, augas arriba do encoro de  Velle, o que podería afectar á toma de auga potable situada na marxe esquerda do río.


Ademais, a situación destas fosas en lugares de complicado acceso dificulta enormemente o seu mantemento e explotación. As obras consistirán na renovación da rede de colectores existente e a execución da infraestrutura necesaria para a súa incorporación á rede de saneamento xeral da cidade, ata o seu traslado á EDAR de Reza.

O proxecto está redactado e conta con informe ambiental e de patrimonio cultural favorables, e todo preparado para o inicio do procedemento expropiatorio.

Celebro a firma deste Convenio, seis anos despois da firma do Protocolo, e desexo que esta enorme demora non se repitan. nin no proceso expropiatorio nin no de contratación administrativa e execución.

Realmente a actuación é moi necesaria, como se dicía xa en 2016, para mellorar o saneamento da parroquia ourensá de  Velle e dar protección o río Miño.