viernes, 18 de febrero de 2022

Xunta e universidades asinan o Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 dotado con 3200 m€, un acordo de país que amosa que a capacidade de diálogo e cooperación entre as administracións e institucións públicas

 

Hoxe tivo lugar un feito moi importante para a  nosa Comunidade Autónoma: a sinatura do convenio entre a Xunta e as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá  a maior aposta de Galicia pola universidade, cunha mobilización de 3.200 millóns de euros, nos vindeiros cinco anos, centrada en eixos como a docencia innovadora, a internacionalización ou a investigación avanzada.

“Estamos a falar do plan máis ambicioso da historia das universidades galegas, co que damos garantía ás mesmas, en materias como: a viabilidade financeira, a contratación do persoal ou para posicionar o sistema universitario galego dentro do europeo”, asegurou, incidindo nas marcas de identidade do SUG: a internacionalización; a mellora das relacións co mundo laboral, “dun xeito constante e permanente”; a docencia innovadora; a investigación avanzada; e a sustentabilidade, “porque a universidade do S.XXI ten que ser proactiva co coidado do medio ambiente”, dixo.

Feijóo deu as grazas aos tres reitores galegos por este acordo, froito directo do compromiso e do diálogo entre as tres universidades.

Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026


O novo plan divídese en dous fondos: un financiamento non condicionado, é dicir, fondos de libre disposición para os campus, como por exemplo, para gasto corrente e mantemento de infraestruturas; ou para o plan de viabilidade financeira, eficiencia e mellora enerxética. E un financiamento da investigación para impulsar a I+d+i, cun 41% máis de investimentos, ata chegar aos 400 millóns de euros no quinquenio.

A valoración dos reitores


Desde o punto de vista dos tres reitores galegos, Manuel Reigosa subliñou que “os galegos e galegas poden estar orgullosos do traballo que se leva feito, tanto por parte da administración, como das tres universidades, para que estas teñan un papel moi relevante no mundo e que tanto no ámbito nacional como internacional sexan universidades recoñecidas”, dixo Reigosa, que destacou que as tres institucións están a cumprir con esixencia e rigor e coas tres funcións primordiais: na docencia, na investigación e na transferencia.

O reitor vigués, en nome dos seus homólogos, destacou os exemplos de coordinación que se están a dar, chegando “mellor a acordos que a pelexas” e deixando fóra da loita “o que son as cuestións do país”, para o que citou como exemplo os acordos acadados en relación co mapa de titulacións e co financiamento. Para o reitor vigués esta é unha boa nova “porque pensamos máis no país, en Galicia, que na propia universidade á que representamos”.

No seu discurso, Reigosa referiuse tamén ao que considera dous éxitos do sistema universitario galego: dunha banda, “unhas taxas que sempre se acordou que estiveran na banda baixa” e, doutra, os plans de financiamento plurianuais, que permiten programar o traballo futuro e facer fronte aos retos con certa tranquilidade. 

En canto ao Plan asinado hoxe, o reitor vigués lembrou que supera a todos os anteriores, “non só polas cantidades, senón por como está debullado”, un traballo polo que eloxiou á Consellería de Facenda e nomeadamente ao seu titular Valeriano Martínez, recentemente falecido. “Ademais de estar agradecido polos cartos que se poñen á nosa disposición para facer o noso traballo, estou dobremente agradecido porque hai un recoñecemento implícito e explícito de que a universidade pública galega xoga e ten que xogar un papel importante para o desenvolvemento do país”, dixo Reigosa, que lembrou que a universidade de futuro, á que se fai referencia no Plan, debe ser máis internacional, ademais de axustar a súa oferta académica ás necesidades do país, ser máis innovadora e apostar pola transparencia e o control. 

Parabéns por este Plan que blinda a capacidade financeira e o funcionamento destas institucións; e que dá estabilidade e certezas a todos os campus, incluido o de Ourense.