viernes, 11 de febrero de 2022

A Xunta construirá en Verín un novo edificio de Urxencias e PAC que ampliará case un 10% a superficie do hospital de Verín

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu esta mañá a Verín para dar a coñecer as novidades relativas ás obras de ampliación de urxencias e do Punto de Atención Continuada (PAC), así como as actuacións de mellora enerxética no Hospital Comarcal.

O conselleiro estivo acompañado na súa visita polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro; o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial Bernárdez; e a directora do Distrito Sanitario de Verín, Guillermina Agulla Budiño.

Proxecto de obra

O conselleiro de Sanidade expuxo hoxe os pormenores dun proxecto da obra que contará cun investimento de case 4 millóns de euros e un prazo de execución de 14 meses, onde se contempla a creación dun novo edificio e unha superficie total construída de 1.488 metros cadrados.

O proxecto agrupará os servizos de PAC e de Urxencias, cun organigrama en liña que distribuirá aos pacientes; con salas de espera separadas para pacientes xerais, pacientes pediátricos e pacientes con sospeita de enfermidade contaxiosa. No acceso estará a área de admisión, o PAC e a triaxe. Desde admisión derivarase aos pacientes, en primeira instancia, cara ás consultas do PAC, en situación previa ao servizo de urxencias. Nos demais casos, derívanse á área de urxentes e críticos, pasando previamente pola triaxe. A área de persoal estará separada da zona de atención a pacientes, no extremo oeste da planta e cun acceso rápido aos puntos de atención.

O PAC, terá dúas consultas médicas e unha de enfermería, comunicadas entre elas. Tamén nesta área, próxima ao acceso, emprazarase unha consulta covid-19 e unha sala de espera con aseo exclusivo desta. A área de urxencias constará de triaxe, dúas consultas polivalentes, unha sala de curas, seis boxes (un deles de maiores dimensións para pacientes críticos e outro con aseo espazo previo para illamento de pacientes covid-19), ademais dunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e demais espazos de apoio para o funcionamento da unidade.

O novo servizo de urxencias proposto disporá dun acceso exclusivo desde a rúa cunha zona de parada de vehículos e estacionamento propios. O servizo desenvólvese enteiramente en planta baixa e comunícase co corredor principal do hospital. As urxencias do hospital non se paralizarán en ningún momento do proceso, procedéndose ao traslado co novo servizo totalmente rematado.

En canto á eliminación das 61 prazas de aparcadoiro que van desaparecer por mor das obras, compénsanse coas que se van xerar na zona oeste. Desta forma o aparcadoiro queda concentrado nun único lugar, e poderán asignarse prazas separadas para persoal e para visitas. O número total de prazas de aparcadoiro dispoñibles finalmente en toda a parcela será de 204 aproximadamente, respecto das 167 actuais.

Mellora enerxética e inversión en equipamento

Xunto con estes traballos, tamén se levarán a cabo actuacións de mellora enerxética no Hospital Comarcal, coas que se rematará coas filtracións de auga actuais; e tamén se instalarán paneis fotovoltaicos para subministrar enerxía tanto ao edificio antigo, como ao novo.

Ademais das melloras na infraestrutura sanitaria, durante os dous últimos anos investíronse preto de 450.000 euros no equipamento do hospital de Verín, entre os que se atopa a incorporación o pasado ano dun equipo radiocirúrxico, a recente adquisición de dous ecógrafos, ou as licitacións aprobadas para renovar o equipo de lámpadas dos quirófanos e renovar 40 das súas camas do hospital.