E daba conta que ese mesmo día tiña lugar a publicación da licitación da construción do novo edificio de hospitalización e a reforma do hospital materno-infantil
Hoxe acabamos de coñecer a moi boa nova de que a Xunta rematou a parte fundamental do procedemento administrativo adxudicando por preto de 48,3 millóns de euros as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Informan que “As actuacións, adxudicadas á UTE: S.A. DE OBRAS Y SERVICIOS, COPASA-PUENTES Y CALZADAS INFRAESTRUCTURAS, SLU, terán un prazo de execución de 40 meses.
Estas intervencións, que estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER, prevén tres intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a reforma do actual Hospital Materno Infantil e a mellora de accesos.
Estas instalacións, desde o andar -2 ata o segundo, destinaranse a usos fundamentalmente ambulatorios, e desde a terceira ata a novena, a hospitalización.
Para a construción deste edificio será necesario realizar unha serie de obras previas, así como habilitar novos núcleos de comunicación. Así, modificarase a rasante da vía interior do CHUO e demoleranse elementos obsoletos como pasarelas, escaleiras ou unha franxa de 4 metros do andar cero do Hospital Cristal na súa fachada posterior.
Como reforzo aos núcleos de comunicación vertical, executarase un novo núcleo vertical no nexo de unión do antigo edificio de hospitalización e o central. Tamén se acometerá a remodelación interna no edificio de hospitalización existente para adaptar o núcleo de escaleiras actual. Ademais, desenvolverase a comunicación de urxencias co novo edificio en andar cero.
No que se refire á reforma do Hospital Materno Infantil, será unha actuación integral que permitirá a súa posta en valor, conservándose tan só a súa estrutura.
No soto -2 do novo edificio situaranse os vestiarios; no -1, a área de radioloxía; e no andar baixo situaranse as urxencias pediátricas e obstétricas no edificio materno, mentres que se sitúa un segundo nivel de radioloxía no novo edificio.
No primeiro andar estarán as área de obstetricia, xinecoloxía, tanto cirúrxica como ambulatoria, e o paridoiro; no segundo, a UCI pediátrica no materno, e as consultas de pediatría no novo edificio. O nivel 3 destinarase totalmente a hospitalización pediátrica, separando os nenos menores de dous anos no antigo materno e os maiores no novo edificio.
O nivel 4 estará dirixido á hospitalización obstétrica nas dúas ás, e os niveis do 5 ao 9 á hospitalización convencional. O nivel 10 empregarase para diversas instalacións.
Novos servizos
Estas actuacións permitirán dotar dunha área pediátrica con 38 camas, incluíndo 14 habitacións individuais para menores de dous anos (lactantes), con berce e cama para acompañante. Haberá dous vestiarios con duchas para os pais, comedor, sala de estar con xogos, Cyberaula con postos informáticos e salas de televisión e lectura.
As instalacións tamén albergarán área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; zona de urxencias pediátricas e urxencias obstétricas, con salas de espera, consultas, 5 unidades para partos e 2 quirófanos.
Estas obras permitirán tamén acadar unha área de radioloxía con 3 salas de TAC, 4 de ecografía, 3 de radioloxía xeral dixital, 3 salas de mama e 2 de radioloxía xeral, sumadas ás 2 resonancias magnéticas existentes no edificio Cristal.
Ademais, as intervencións proxectadas posibilitarán a hospitalización obstétrica, con 56 camas; e a convencional, con 280 camas.”
A miña valoración:
Estamos ante unha magnífica noticia que vén acreditar a solvencia e seriedade do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, cumprindo sempre os seus compromisos e xestionado con eficacia a tramitación dos procedementos e asegurando o seu financiamento nos orzamantos da Comunidade.
A sanidade pública é sen dubida o servizo mais demandado e ao tempo valorado polos cidadáns que con este importantísimo investimento en Ourense van ver moi melloradas as instalacións ambulatorias e hospitalarias ás que acoden no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Uns investimentos que chegan nun momento de aínda débil crecemento da economía e que por iso son máis de valorar, máxime se se unen ás recentemente anunciadas nos Hospitais comarcais de Verin e Valdeorras.
Recoñecer tamén o moi eficaz traballo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que dirixe Ethel Vázquez pola xestión destes proxectos de infraestruturas sanitarias..E por suposto da Consellería de Sanidade que con gran acerto dirixe Julio García Comesaña.
Parabéns.