sábado, 22 de enero de 2022

Reivindicando unha política de Infraestruturas e transportes, útil para os cidadáns, pensando sempre nos intereses xerais de Galicia

 

Hoxe na Interparlamentaria do Partido Popular de Galicia, intervín nunha mesa nomeada Un territorio sostible, vertebrado e industrialmente avanzado”

Foi moderada pola senadora e ex presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo e compartín panel con Paco Conde, deputado autonómico, Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e con Diego Calvo, Vicepresidente Primeiro do Parlamento de Galicia.

Na miña intervención reivindiquei unha política de infraestruturas e transportes, útil para os cidadáns, pensando sempre nos intereses xerais de Galicia.

Comecei lembrando a figura de Manuel Fraga e o papel decisivo que desempeñou nos seus anos de mandato para impulsar as autovías de acceso a Galicia: a do Noroeste e a das Rías Baixas.

Resaltei logo a chegada no ano 2003 desde Madrid, do ourensán Alberto Núñez Feijóo para facerse cargo da Consellería de Obras Públicas e Transporte da Xunta de Galicia, e como a partir de aí iniciamos unha  fortísima política reivindicativa do ferrocarril galego que estaba notoriamente abandonado na nosa comunidade.

Falei das dificultades que houbo que sortear esepcialmente desde 2003 ata 2008 para avanzar nas novas liñas de alta velocidade entre Ourense e Santiago e a de conexión con  Olmedo. Obstáculos que viñan principalmente desde o executivo de Zapatero onde unha ministra Magdalena Álvarez xeraba constantes dificultades, paralizando adxudicacións, atrasando licitacións e dando prazos e datas de conclusión   irrealizables.

Referinme logo á chegada de Mariano Rajoy a finais de 2011 á xefatura do Goberno, o que supuxo un cambio radical na aposta polo AVE a Galicia. A ministra  ana Pastor con orzamentos e xestión deu pasos decisivos para facer imparable o noso gran proxecto ferroviario. A pesar de ser un goberno popular, desde a Xunta e desde o Congreso seguimos facendo un puntual e constante seguimento da execución dos diferentes tramos e a figura de Feijóo foi unha vez mais decisiva.

Despois de celebrar a chegada da alta velocidade a Ourense o pasado día 21 de decembro, sinalei que quedan moitos retos pendentes aínda. E citei algúns: a chegada a Galicia dos trens  Avril que recortarán nunha media de 20 minutos os tempos de viaxe entre Ourense e o resto das capitais galegas para facer o AVE moito máis competitivo; a construción da a variante de Ourense, da que falta máis da  metade por licitar; as obras pendentes nas estacións intermodais como a de Ourense; a obrigación de cumprir os tempos de conectividade pactados: Santiago-Madrid en 2 horas e 50 minutos; Pontevedra-Madrid en 3 horas e 10 minutos; Vigo-Madrid en 3 horas e 20 minutos; e Coruña-Madrid en 3 horas e 15 minutos; abordar a planificación para levar o ancho internacional ata Santiago, etc.

Tamén expresei o compromiso de defender as variantes ferroviarias de  Peares- Canabal e  Rubían entre Ourense e Lugo, xa que esta capital non pode quedar descolgada da alta velocidade. Tamén citei a necesidade de actuar de modo efectivo nas comunicacións ferroviarias entre A Coruña e Ferrol; da saída sur de Vigo e da conexión directa desta cidade con Ourense.

En materia de estradas referinme en que ante a  posibilidade de que o Goberno central implante un sistema de pago por uso en todas  as autovías de España, insistiremos en que a opción  do  custo por  quilometraxe sería discriminatoria para os territorios  máis periféricos, por tratarse  dun modelo que quebrantaría a  competitividade dá economía.

Defendín a necesidade de desbloquear no Congreso dos Deputados a tramitación da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia, que agora o PSOE rexeita. E que apoiaremos tamén a petición ao Goberno por parte da Xunta para aplicar na autoestrada Santiago-Ourense as mesmas bonificacións da AP-9, estimando en 3,2 millóns de euros o investimento necesario. As peaxes desta autoestrada son das máis altas de España, dixen.

Finalmente falei de que  inistiremos nas Cortes Xerais na reivindicación das autovías pendentes en Galicia e que o goberno de  Sanchéz paraliza ou retrasa: a Lugo-Ourense, a Ourense-Ponferrada, a da Mariña e a Vigo-Porriño, entre outras.