martes, 11 de enero de 2022

A Xunta celebrará o vindeiro venres un foro para abordar as oportunidades e os desafíos relacionados coa chegada do AVE a Ourense


Informa hoxe a Xunta que celebrará o vindeiro venres un foro para abordar as oportunidades e os desafíos relacionados coa chegada do AVE a Ourense.

Este foro, baixo o lema ‘Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades’, será inaugurado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O encontro, no que tamén participarán os ex ministros José Blanco e Ana Pastor e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, terá lugar en Expourense.

O obxectivo do foro é poñer en valor a relevancia do fito histórico da entrada en servizo da liña de alta velocidade Madrid-Ourense, a chegada do AVE en Galicia, como unha oportunidade para o turismo e a competitividade da Comunidade.

A alta velocidade redobrará as oportunidades para o sector turístico, un punto que será abordado a través da participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ou do presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal.

Neste sentido, no foro porase o acento na relevancia da implicación do sector turístico e empresarial na activación de recursos e iniciativas que permitan obter o máximo rendemento deste acontecemento.

Ademais, o encontro tratará a necesidade estratéxica de continuar o traballo para completar o AVE a Galicia coa chegada ao resto das cidades. Así, o catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín, e o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, abordarán as actuacións aínda pendentes  e necesarias.

A este respecto, tamén serán obxecto de análise aspectos estratéxicos como o axuste da oferta de servizos á demanda, a adaptación das estacións ferroviarias e a dotación de comunicacións axeitadas as estacións de Ourense e da Gudiña.