viernes, 3 de diciembre de 2021

Entrevista en "Nos" Diario valorando os Orzamentos Xerais do Estado de 2022



Publica hoxe
 “Nos” Diario unha entrevista que me fixo onte o xornalista André Mauricio que titula: “Celso Delgado (PP): "A solución de Alcoa está nas mans do Executivo".

Esta é  a transcripción:

Os Orzamentos Xerais do Estado de 2022 recibiron a luz verde do Congreso e atópanse no Senado continuando a súa tramitación parlamentar. O deputado do Partido Popular da Galiza no Congreso, Celso Delgado, valora as contas e explica os principais retos no que resta dunha lexislatura que está no seu ecuador.

—Que resumo fan da primeira metade da lexislatura?

Foi complicado, como consecuencia da pandemia que afectou a vida das persoas e a vida política galega e española, provocando unha crise económica moi aguda. España foi o Estado que máis caeu durante a pandemia, amais, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento  Económico está a prognosticar un crecemento do 4,5% cando o Goberno estatal prevía un 6,5%.

—Como valoran os Orzamentos Xerais do Estado?

Son uns orzamentos que non se poden crer nin son serios porque parten de que a economía  española vai medrar un 7% en 2022 e a media dos analistas din que o crecemento vai estar en torno ao 5,5%.

Se as premisas son falsas, pois o resultado é que a política de ingresos non se vai cumprir, sumado á monumental inflación que supera o 5%. Segue medrando o gasto improdutivo e desde a perspectiva galega botamos en falta bastantes cousas.

Desde o punto de vista cuantitativo, os orzamentos prevén un investimento do 8,3% do total rexionalizado, cando nos últimos Orzamentos Xerais do Estado do Partido Popular (PP) era do 9,3%, polo que consideramos que están por debaixo dos estándares mínimos para a Galiza.

No ámbito industrial botamos en falta propostas para as empresas electrointensivas, cun prezo da enerxía pouco competitivo, este grupo parlamentar presentou iniciativas nese sentido e para crear un fondo na Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) para triangular a venda final a un operador solvente da planta de Alcoa na Mariña. Unha intervención temporal para apoiar esta industria. Nesa liña, presentamos unha emenda para dotar os estaleiros de Ferrol de carga de traballo e outra para instalar un dique seco.

En infraestruturas, falta un apoio decidido ás autovías pendentes de construír na Galiza, a de Lugo a Ourense, de Ourense a Ponferrada ou a autovía da Mariña lucense. E en materia ferroviaria gustaríanos unha maior aposta polo corredor atlántico e polo ferrocarril convencional.

—Se están a favor da intervención en Alcoa, por que votaron en contra da emenda do BNG durante a tramitación dos orzamentos para efectuar unha intervención pública?

É todo unha cuestión de vontade política do Goberno do Estado, de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos. Nós apostamos por que a SEPI se faga propietaria da planta, pero entendemos que ten que ser temporal para posibilitar unha operación de compra e venda.

A emenda do BNG tiña un orzamento de 200 millóns de euros e pretendía intervir de xeito non temporal. Por 200 millóns de euros non se pode adquirir a factoría. En todo caso o voto do PP non era suficiente para aprobala. Creo que hai coincidencia entre BNG e PP para solucionar o tema de Alcoa mais a pelota está no tellado do Goberno e non no noso.

—Con respecto ás infraestruturas, están dispostos a votar a favor da transferencia da AP-9 á Galiza?

Neste momento, estase a tramitar a proposición de Lei orgánica do Parlamento da Galiza no Congreso, á que nós presentamos emendas, e agora tócalle ao Goberno. Nas nosas emendas defendemos ademais da transferencia da titularidade da xestión, que se transfiran os medios económicos que permitan que aqueles compromisos contraídos sexan asegurados por parte do Goberno, e coller unha transferencia que non teña custe para os galegos. Agardo que unha vez que remate a tramitación dos orzamentos se traballe neste sentido, mais o PSOE agora non a quere transferir.

Retos para a segunda parte da lexislatura

“Hai máis de 3 millóns de desempregados e persoas que queren traballar que non atopan emprego mentres a inflación, que supera o 5%, está afectando a competitividade das empresas e das clases medias e máis desfavorecidas”, sostén Delgado, que reclama impulsar de xeito específico o crecemento económico e político.

Asemade, pon o foco nos proxectos financiados pola Unión Europea como o elemento máis importante do que resta de mandato parlamentar. “Queremos que esa selección de proxectos sexa competitiva e teña en conta as potencialidades daqueles que os prepararon”.

Ademais, sinalou a súa preocupación no caso de “que se utilicen como moeda de cambio polo Goberno estatal para contentar a aqueles territorios con partidos políticos” propios que están a apoiar as contas presentadas polo Executivo.

 

https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/solucion-alcoa-nas-mans-do-executivo/20211201195617133360.html