A acadar estes
obxectivos van dirixidos os orzamentos dos distintos departamentos da
Consellería, sendo a Axencia Galega de Infraestruturas o centro directivo que
máis medra, un 6,34%, superando os 270 M€, o que supón máis capacidade de
investimento.
Augas de Galicia,
pola súa banda, xestionará en 2022 máis de 137 M€, un 3% máis, tendo como
principal eixe de actuación o reforzo da colaboración cos concellos, ademais de
actuacións dirixidas a anticiparse aos desafíos do cambio climático, actuando
para garantir auga á poboación e para reducir o risco de inundacións.
A Dirección Xeral de
Mobilidade disporá de 114,3 M€ destinados, na súa meirande parte, case 85 M€, a
ofrecer servizos de transporte público en autobús de calidade, destacando o
incremento do 80% na partida destinada á tarxeta Xente Nova, coa que se garante
a gratuidade aos menores de 21 anos no autobús da Xunta.
Reforzar o sistema
sanitario público galego
Ethel Vázquez
salientou que o departamento que os profesionais da obra pública da Axencia
Galega de Infraestruturas seguirán ao servizo da construción da sanidade pública,
coa encomenda de estionar 102,6 M€ en obras de execución, reforma ou ampliación
de equipamentos sanitarios públicos, cuxos fondos están recollidos nas contas
da Consellería de Sanidade.
Avanzarase, así, na
reforma e ampliación do hospital Gran Montecelo de Pontevedra, coa 1ª fase de
execución. Os 35,6 M€ previstos en 2022 permitirán intensificar os traballos
coa vista posta en rematar as obras entre finais de 2023 e principios de 2024.
Tamén se reservan 14,56 M€ para os traballos da 1ª fase de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, cun grado de execución actual do 30%; ademais de máis de 9 M€ para seguir avanzando no Novo Hospital Público da Coruña, coa Fase 0 xa en execución e previsto o seu remate en 2022, logo dun investimento de 13 M€.
Antes de que remate o
ano iniciaranse as obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que
en 2022 dispón dun orzamento de 21,84 M€.
De xeito paralelo, a
Axencia Galega de Infraestruturas rematará o Centro Integral de Saúde do Barrio
da Residencia de Lugo, con 6,25 M€ consignados en 2022; tamén concluirán as
obras do Centro Integral de Saúde de Lalín, cunha partida de 7,88 M€; e
avanzarase no CIS de Ourense, con 3,19 M€ en 2022, e no CIS Olimpia-Valencia de
Vigo, con 2,3 M€ consignados.
Vertebración
territorial
Ethel Vázquez
referiuse na súa intervención aos case 46 M€ que se destinarán en 2022 para
seguir avanzando en novas vías de altas prestacións libres de peaxe,
favorecendo a vertebración interior. Continuarase co esforzo dos últimos anos,
nos que a Xunta puxo en servizo 214 quilómetros de novas estradas sen
establecer unha soa peaxe, o que permite que 8 de cada 10 galegos vivan a menos
de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.
Referiuse,
concretamente, aos traballos na Vía Ártabra, cun investimento en 2022 de 12 M€,
na que se espera poder avanzar na súa execución completa ata a AP-9, sempre que
o Ministerio de Transportes outorgue a autorización pola que se leva agardando
anos.
Lembrou que se
reservan tamén 7,93 M € para rematar as obras do primeiro treito, entre A Pobra
de San Xiao e Sarria centro, da Autovía Nadela-Sarria, avanzando no resto do
tramo para a súa conversión total en autovía. Para a continuación dos traballos
da VAC Tui-A Guarda, no enlace coa AG-55 e o polígono de Areas, as contas de
2022 recollen 10,75 M€. O obxectivo é poñelo en servizo a finais de 2022 ou
principios de 2023, e avanzar na tramitación dos proxectos dos seguintes
treitos.
Tamén hai 7,53 M€
reservados para avanzar na VAP da Costa Norte e nas melloras complementarias
das estradas autonómicas. Un investimento que, segundo subliñou, permitirá
poñer en servizo unha 1ª fase das obras de mellora da mobilidade nestas
comarcas, coa mellora da AC-556 en Valdoviño e Cedeira e da AC-862, entre a
autovía AG-64 e Ortigueira; ademais de novos pasos para unha 2ª fase de
acondicionamento da AC-862; para a reforma da LU-540 na Gañidoira; e avances no
proxecto do treito San Sadurniño-Sanguiñeira e no estudo e impacto ambiental da
Variante de Viveiro.
Ademais resérvanse 4
M€ para as expropiacións e a licitación das obras do segundo treito da autovía
A Ramallosa-A Estrada; 3,43 M€ para a prolongación da autovía da Costa da
Morte, entre Baio e Berdoias; e partida para avanzar na tramitación da autovía
Brión-Noia.
A titular de
Infraestruturas e Mobilidade salientou os 2,55 M€ recollidos para as obras das
variantes de Carballo, de Ribeira, de Alba en Pontevedra, da Rolda Leste de
Lugo e na Circunvalación Este de Ourense, ademais das partidas destinadas ao
acondicionamento das estradas autonómicas do rural: a mellora do eixe entre
Palas de Rei e Friol; da OU-540 no acceso á Baixa Limia; da LU-561 entre
Folgoso do Courel e Seoane; ou da OU-533, para a conexión entre Valdeorras e A
Gudiña. Unha aposta pola vertebración que podería ser maior, lembrou, se o
Goberno non limitase os investimentos dos fondos Next Generation de Mobilidade
aos concellos de máis de 50.000 habitantes.
A manter en boas condicións as estradas autonómicas e a reforzar a seguridade viaria destinaranse 45 M€, destacando os contratos de conservación e vialidade invernal e o Plan de reforzos de firme. Tamén se reservan 6,6 M€ para culminar a Estratexia de eliminación dos treitos de concentración e accidentes nas estradas autonómicas ou partidas específicas para a posta en valor e mellora da iluminación de pontes.
Ethel Vázquez
adiantou, ademais, que a Axencia Galega de Infraestruturas impulsará proxectos
encamiñados a facer cidade. Destacan os 1,7 M€ previstos en 2022 para a
recuperación urbana da fachada marítima da Coruña, dentro dun compromiso
plurianual de 20 M€; o proxecto de mobilidade sostible na avenida de Beiramar,
en Vigo, cunha partida en 2022 de 1,5 M€; o desenvolvemento da urbanización do
Campus do Mar da ETEA, cunha achega de 3,7 M€; ou as obras da cidade
administrativa de San Caetano, en Santiago, con partidas por importe de 7,7 M€,
ademais da rehabilitación do edificio histórico da Xunta na praza de Mazarelos,
que suporá un investimento de 1,8 M€.
Pulo ao transporte
público e á mobilidade sostible
Preto de 85 M€ dos
orzamentos de 2022 da Dirección Xeral de Mobilidade irán destinados a ofrecer
servizos de transporte público en autobús de calidade, co mantemento do Plan de
Transporte Metropolitano, cuxos beneficios se estenderán ao conxunto de Galicia
coa creación da Área de Transporte de Galicia, e a continuar coa Xente Nova,
coa que máis de 105.000 menores de 21 anos viaxan gratis no autobús da Xunta
polos 313 concellos.
Avanzarase tamén na
dixitalización do transporte, con 3,2 M€ destinados a modernizar a venda de
billetes, a mellora no sistema de información ou a monitorización para informar
aos usuarios da situación en tempo real do autobús.
De xeito paralelo ao
avance nos servizos, tamén en 2022 se continuará mellorando as infraestruturas
do transporte para garantir maior comodidade aos usuarios. Ethel Vázquez
destacou os 9,3 M€ destinados a seguir avanzando no mapa da intermodalidade,
unha vez que xa se puxeron en servizo as intermodais de Santiago e Ourense e
están na súa fase final a de Pontevedra e a de Vigo. As contas de 2022 recollen
4 M€ para iniciar as obras da estación de autobuses intermodal da Coruña; máis
de 1 M€ para impulsar a intermodal de Lugo; e partida para progresar no
proxecto da intermodal de Ferrol. De xeito paralelo, avanzarase na intermodalidade
en cabeceiras de comarca, con case 2 M€ para actuacións no Carballiño, en
Vilagarcía de Arousa e en Cangas.
Aproveitando os
fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia poranse en marcha medidas
novidosas: o programa de Paradas Seguras, para promover infraestruturas de
transporte máis accesibles e seguras; e o impulso á mobilidade sostible, coa
dotación de aparcadoiros disuasorios e sendas peonís nas contornas urbanas;
ademais de continuar co Plan de sendas de Galicia, que permitiu poñer en xa
servizo 170 quilómetros de sendas e que se reforzará en 2022, coa planificación
para levar o plan a novas comarcas.
Xestión eficiente,
integral e profesional dos servizos da auga
O incremento do
esforzo investidor previsto para axudar aos concellos na prestación dos seus
servizos municipais de saneamento e depuración será outra das grandes liñas de
actuación dos orzamentos da Consellería de Infraestruturas para o ano 2022.
Ethel Vázquez lembrou
que a Xunta vén xestionando 28 depuradoras municipais que suporán un
investimento autonómico de máis de 25 M€ en 2022, unha partida que se ve
incrementada, en gran medida, polo impacto da suba da tarifa eléctrica. A Lei
de mellora da xestión do ciclo integral da auga permitirá regular, ampliar e
estender o apoio que a Xunta vén prestando aos concellos nas súas competencias,
axudando aos municipios que voluntariamente pidan este apoio de Augas de
Galicia.
Así, de forma coherente co anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, as contas de 2022 reservan 102 M€ para darlles apoio aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración; deles, 40,5 M€ estarán destinados á execución de infraestruturas que inciden no saneamento das rías.
Ademais, poranse en
marcha novas liñas de axuda: para a redución de perdas en redes de
abastecemento; e para o control de vertidos e infiltracións nas redes de
saneamento. Estas liñas de axuda estarán dotadas con 2 M€ e permitirán tamén
traballar na mellora da eficiencia enerxética para reducir o impacto dos
incrementos na factura eléctrica.
A titular de
Infraestruturas e Mobilidade lembrou que o contexto de cambio climático obriga
a estar previdos fronte a episodios como as inundacións. Os Orzamentos de 2022
prevén unha partida global de 7 M€ para actuacións que axuden a reducir o risco
en zonas de especial risco, como nos ríos Ulla e Sar, en Padrón e Valga; no río
Anllóns, en Carballo; no río Maior, en Sada; en Fontecova, Viveiro; na
confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, en Baiona, ou no río Viladesuso, en Oia.
Ethel Vázquez lamentou que a falta de implicación do Concello de Vigo impida á
Xunta actuar para previr as inundacións do río Lagares.