O 6 de agosto de 2020 estiven en Carballeda de Valdeorras acompañado a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para comprobar persoalmente o estado da zona na que se localizan os vagóns, pertencentes ao tren descarrilado o pasado 28 de xullo. Vagóns que quedaron depositados dentro do dominio público hidráulico do rio Sil e un deles acabou en contacto coa auga. Estivo presente a alcaldesa María del Carmen González.
Naquela mañá diante dos numerosos medios de comunicación presentes Vázquez informou que a Xunta de Galicia acababa de iniciar un expediente sancionador contra ADIF, ente público dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, pola súa responsabilidade na caída de dous vagóns de tren que acabaron na marxe dereita do río Sil, feitos que poderían ser constitutivos dunha infracción tipificada como grave na Lei de residuos estatal.
Así, engadiu que o sucedido na marxe dereita do río Sil podería constituír unha infracción administrativa grave tipificada na Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados e na Lei 10/2008 de residuos de Galicia como “abandono, vertido ou eliminación de calquera tipo de residuos non perigosos”.
O proceso paralizouse semanas máis tarde, tras o anuncio dun xulgado do Barco de Valdeorras da apertura de dilixencias previas por un posible delito contra o medio ambiente. En xullo deste ano, a xuíza decidiu arquivar o caso; e a Xunta retomou entón o expediente sancionador.
Pois ben, máis dun ano despois, coñecemos hoxe que a Xunta de Galicia sancionou ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), con unha multa de 45.000 euros pola vertedura de dous vagóns ao río Sil, no termo municipal de Carballeda de Valdeorras.
Trátase do máximo que permite a lei, dada a concorrencia de intencionalidade e tendo en conta que o vertido dos vagóns realizouse nun espazo natural protexido dentro de Rede Natura 2000.
Entenden que ADIF en canto titular da vía onde descarrilaron os vagóns, omitiu as súas obrigacións de control e vixilancia e permitiu o vertido dos vagóns, realizado este sen medidas de control ambiental algún, e ademais é unha entidade dependente do Ministerio de Transporte que debe ser coñecedora das obrigacións establecidas na normativa aplicable respecto da xestión dos residuos.
Todo indica que ADIF formulará recurso.