“Trasladeille á vicepresidenta segunda e ministra de
Traballo e Economía Social un exemplar do noso Pacto de Estado por Ferrol e que
xa se remitiran a Moncloa co fin de establecer un interlocutor”, dixo,
valorando o seu compromiso de avaliar o documento “e conseguir polo menos
empezar a falar disto”.
Nesta liña, Feijóo insistiu na oportunidade histórica
que suporía un PERTE do naval; “para modernizar as instalacións de Navantia a
través dun dique seco e diminuír, polo tanto, os custos da construción das
fragatas e calquera outra contratación internacional”, precisou, a modo de
exemplo.
Durante a reunión con Yolanda Díaz, na que expuxo a
situación de perigo na que se atopan 16.500 empregos do sector industrial
galego, ambos avaliaron tamén outros asuntos importantes de cara a acadar unha
economía máis forte despois da covid.
Así, no tocante ao reparto dos fondos de emprego
asociados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Feijóo valorou que se
respecte o marco do sistema de financiamento, se ben aproveitou para demandar
máis autonomía na xestión dos mesmos. Unha cuestión que será abordada
proximamente nunha reunión entre a Consellería de Emprego e Igualdade e o
Ministerio.
“E tamén falamos dos proxectos sólidos, ordenados,
contrastados e obxectivos que Galicia ten presentado aos fondos Next
Generation. Uns proxectos construídos non desde a Administración, senón desde
os sectores económicos e produtivos”, abundou, referíndose ás iniciativas
presentadas no ámbito forestal, da automoción, agroalimentario, aeroespacial ou
sanitario.
“Pedimos competir en función da calidade dos proxectos
presentados e non en función da cor política dos gobernos autonómicos”,
remarcou.
Por último, o responsable do Goberno galego e a
vicepresidenta segunda analizaron o prezo da luz e, especialmente, o seu
impacto na industria. “Sen un prezo competitivo non hai industria e sen
industria non hai traballo”, sentenciou.