Os deputados ourensáns do PP defendemos a validez das fotografías dos profesionais para a obtención do novo DNI 4.0"

 

Difundimos hoxe desde o PP de Ourense esta nota de prensa: "Os deputados populares pola provincia de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, deron conta hoxe da presentación, por parte do grupo parlamentario popular no Congreso, dunha proposición non de lei na que se insta ao Goberno a habilitar un sistema que permita seguir utilizando as fotografías realizadas polos profesionais do sector, en papel ou en medios dixitais, para a súa incorporación ao novo DNI electrónico 4.0 con todas as garantías de seguridade. 

Unha iniciativa que ten por obxecto evitar o peche de milleiros de negocios onde as fotografías para o carné de identidade supoñen ata o 25 % da súa facturación, “e que en Ourense afectaría a preto dun cento de profesionais pertencentes a un sector xa moi castigado pola pandemia ao suspenderse moitos dos eventos onde se requiría a súa presenza”, destacou Ana Vázquez.

A proposición non de lei do PP ten como punto de partida a nova versión do documento de identidade electrónico, que fará efectivo á súa vez o DNI europeo, e que xa se está a implantar en Castela e León ou Ceuta, coa finalidade de reforzar a seguridade destes documentos e a libre circulación dos cidadáns da Unión Europea. Neste proceso, o Ministerio do Interior decidiu rematar co uso das fotografías en papel en la confección do DNI, imaxes que obterían os funcionarios da Policía Nacional no momento da expedición do carné.

“Os profesionais da fotografía levan 70 anos realizando este traballo e cumprindo con todas as normas impostas polo Ministerio do Interior para que as fotos sexan oficialmente válidas”, dixo Vázquez, que puxo de manifesto o contrasentido que ten “dedicar a este proceso 6,5 millóns de euros en 2021 procedentes dos fondos de recuperación y resiliencia para afundir a un sector e mandar ao paro a milleiros de profesionais”.

Cada ano en España se emiten máis de sete millóns de documentos de identidade, cada un coa súa foto, que xeran un volume de negocio de 45 millóns de euros e unha facturación media do 25 % en cada un dos 3.500 establecementos de fotografía existentes en España, con 8.000 postos de traballo.

Os deputados ourensáns subliñan que os profesionais dispoñen dos medios necesarios para facer fotografías e transferilas con total seguridade ás aplicacións que deseñe a administración, que pode verificar perfectamente a súa autenticidade. Mesmo os responsables policiais afirman que “a fotografía in situ non é imprescindible para o DNI 4.0, nin achega un extra de seguridade no proceso xa que o funcionario sempre verifica a imaxe coa persoa e os seus datos”. Ademais, nas probas piloto do novo carné que se realizan en Castela e León é o cidadán o que leva a súa fotografía e o documento que se lle expide cumpre coas novas normativas europeas, ten todas as súas funcionalidades e protocolos de seguridade.

Tamén a maior parte dos países europeos desenvolven os seus novos documentos de identidade nun proceso de dixitalización que non exclúe aos fotógrafos profesionais, como é o caso de Francia, onde o goberno colaborou co sector para desenvolver sistemas seguros baseados nas novas tecnoloxías; Alemaña, onde a segue a utilizarse a foto en papel e a partir de 2025 serán as tendas de fotografía as que envíen a unha plataforma oficial as imaxes; ou Reino Unido, onde os negocios xa dispoñen dun sistema dixital para enviar as fotografías á administración.

Con la tecnología de Blogger.