Onte o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou, na rolda de prensa posterior ao Consello, que a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2021-2030 mobilizará máis de 330 millóns de euros e xerará un impacto na creación de riqueza duns 472 millóns.
“A Xunta asume un rol tractor para o aumento dos investimentos na intelixencia artificial e para preparar á cidadanía para os cambios socioeconómicos nun marco ético e legal adecuado”, salientou Feijóo. E engadiu que “a intelixencia artificial estará ao servizo dunha economía baseada no coñecemento para afrontar os retos inminentes de Galicia” como son as necesidades derivadas da pandemia, o cambio demográfico ou a transición ecolóxica.
Deste xeito, a Estratexia aliñará as necesidades económicas de Galicia coas capacidades de investigación e innovación e coas necesidades do sector público e privado. Isto implica, explicou o presidente da Xunta, que “promoverá o uso da intelixencia artificial en sectores clave da economía galega, mellorará a prestación de servizos como a sanidade ou a política social, potenciará o patrimonio cultural e o turismo, e apoiará ás pemes galegas nos seus procesos de transformación dixital”.
Ademais, a intelixencia artificial permitirá avanzar cara a un goberno preditivo no que as decisións sobre as políticas públicas estean baseadas no estudo das demandas reais da cidadanía coñecidas a partir dos datos. Isto permitirá axilizar os procesos da administración pública e mellorar a calidade na prestación de servizos.
Tras facer fincapé no exemplo que supuxo a pandemia da covid-19 sobre a utilidade das tecnoloxías vinculadas á intelixencia artificial, o presidente da Xunta avanzou os ámbitos da xestión administrativa con posibilidades de mellora a curto prazo grazas á intelixencia artificial: a sanidade; modos de vida saudables e economía dos coidados; a educación e o emprego; o desenvolvemento dun territorio sustentable en base á cultura; o patrimonio e o turismo; o medio ambiente, a transición enerxética e a mobilidade, entre outros.