O PP propón medidas efectivas para reducir a factura eléctrica que afecta de xeito especial a familias e consumidores máis vulnerables

Desde o PP de Ourense, difundimos hoxe esta nota:

 “Os deputados populares por Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, explicaron hoxe as propostas que o Partido Popular defende para aliviar o negativo impacto que a factura eléctrica está a ter entre os consumidores, sexan empresas, autónomos ou familias, e de modo particular entre as persoas e colectivos máis vulnerables.

Lembran os deputados que nun contexto de gravísima crise económica e social, o sistema eléctrico experimentou desde principios do 2021 un encarecemento substancial e constante dos prezos, alcanzando niveis que superan os 120 €/ MWh e situando a España como o país que ten o prezo da luz máis caro de Europa, ademais dos impostos máis altos de entre os principais países da súa contorna. Un incremento dos prezos que supón aproximadamente un 78 % máis con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Os deputados ourensáns poñen de manifesto que este encarecemento evidencia, unha vez máis, "a necesidade de acometer unha reforma regulatoria que adapte o noso modelo aos cambios estruturais observados nos últimos anos, asegurando sempre a sostebilidade económica e financeira do sistema eléctrico e garantindo a seguridade da subministración".

Resaltan que desde a moción de censura en 2018, fai xa máis de dous anos e medio, a política enerxética e de loita fronte ao cambio climático deste goberno "resúmese cun "tarde e mal"; chegamos tarde á lei de cambio climático e fíxoo o Goberno por prexuízos ideolóxicos contra o PP, e perdemos dous anos en materia enerxética de maneira que se volveu a disparar o déficit de tarifa que o goberno do PP deixou en mínimos históricos".

Estas políticas do Goberno, engadiron, "son daniñas, porque "as accións da vicepresidenta cuarta están a empobrecer aos españois e España ten hoxe a enerxía máis cara de Europa, e se a enerxía eléctrica ten hoxe prezo récord, débese exclusivamente ao Goberno".

O Partido Popular, explican, defende nunha Proposición de Lei a adopción de medidas urxentes con efecto inmediato sobre a factura, respectando os compromisos climáticos asumidos e a descarbonización da economía. Así, propón que o imposto sobre o valor da produción eléctrica pase do tipo actual do 7 % ao 0 %. Isto podería contribuír á redución da factura eléctrica a todos os consumidores nunha contía aproximada de entre 1.500 e 1.600 millóns de euros ao ano, é dicir, entre 15 e 20 euros ao ano, impostos incluídos.

REBAIXA DE CUSTOS REGULADOS.

Tamén algúns custos regulados rebaixaríanse da tarifa e pasarían a ser financiados polos Orzamentos Xerais do Estado, entre eles os derivados da actividade de produción de enerxía eléctrica nos sistemas eléctricos illados dos territorios non peninsulares, que pasarían a ser sufragados ao 100 % polos orzamentos, cando ata agora atendían o 50 % destes custos. Esta medida supón unha rebaixa na factura eléctrica de 700 millóns de euros.

Outros custos serían os correspondentes á asignación do déficit de tarifa pendente, que supoñen uns 2.500 millóns de euros anuais, que serían financiados polos Orzamentos Xerais do Estado dos exercicios 2021, 2022 e 2023, o que implicaría unha redución da factura eléctrica para todos os consumidores de 7.500 millóns en tres exercicios, aproximadamente.

Na factura, estas medidas de redución de custos regulados poderían significar un descenso de 65 ou 70 euros ao ano, impostos incluídos.

Polo tanto, o resultado das tres medidas propostas podería ser unha redución na factura eléctrica que oscilaría entre os 80 e 90 euros ao ano, tamén impostos incluídos, tomando como referencia unha factura de 800 euros anuais para unha familia tipo acollida ao precio voluntario para o pequeno consumidor (PVPC).

O goberno do Partido Popular, lembran os deputados, introduciu o bono social cun desconto do 25 % na factura final para os consumidores máis vulnerables. O extraordinario aumento da factura eléctrica experimentado desde xaneiro tamén afecta, por tanto, aos que máis sofren a crise económica derivada da pandemia. Proponse esta medida, en lugar dunha baixada do IVE, "porque o aumento do gasto asociado a levar o déficit tarifario aos orzamentos do Estado deberá ser compensado por unha redución equivalente dos gastos superfluos deste goberno, medida que tamén reclamamos no trámite de emendas dos orzamentos de2021".

Con la tecnología de Blogger.