Axudas para a elaboración de plans de emerxencia fronte á seca

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria de axudas aos concellos para a elaboración de plans de emerxencia fronte á seca, co obxectivo de que o vindeiro ano, polo menos, 60 municipios da Comunidade dispoñan desta ferramenta.

Trátase da terceira convocatoria destas axudas e está dotada cun orzamento de 250.000 euros, ao igual que as anteriores edicións. Coas dúas ordes de axuda precedentes outorgáronse subvencións a un total de 40 municipios para a elaboración dos seus plans de emerxencia fronte á seca. O obxectivo desta nova convocatoria é que vindeiro ano outros 20 concellos dispoñan dos seus documentos preparados.

Poden solicitar as axudas todos os concellos e serán concedidas conforme a criterios obxectivos, priorizando os pequenos e medianos, de menos de 50.000 habitantes.

As axudas financian o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude e subvencionan actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2021. Ademais, as axudas son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.

Os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación.

Con estes incentivos, a Xunta presta apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos para que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como actuar ante unha situación de alerta.

Cómpre lembrar que a Lei de garantía de abastecemento de auga, aprobada pola Administración autonómica e que entrou en vigor en xaneiro de 2020, establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca.

 

Con la tecnología de Blogger.