O PP denuncia que o Ministerio de Transportes e Adif non van construír as dúas variantes da liña ferroviaria Ourense-Lugo que reducirían en 23 minutos o tempo de viaxe

 Difundimos hoxe esta nota de prensa: 

“O Ministerio de Transportes e Adif non teñen intención de construír as variantes dos Peares-Canabal e de Rubián na liña ferroviaria Ourense-Lugo, alonxando aos galegos e galegas, pero sobre todo á veciñanza de Lugo, da mellora que suporía unha redución de 23 minutos na viaxe por tren entre ambas as dúas capitais e situando Madrid a 3 horas e 20 minutos de Lugo.

Así o denunciaron hoxe os deputados populares polas provincias de Ourense e Lugo -Celso Delgado, Ana Vázquez, Jaime de Olano e Joaquín García-, logo da resposta do Goberno a dúas preguntas sobre as citadas variantes previstas e comprometidas en 2018 no plan de modernización e mellora da liña Ourense-Lugo. “Respostas evasivas e sen concreción que acreditan o nulo compromiso do Goberno con estes proxectos, ademais de decepcionantes pois omiten contestar ás nosas peticións de información, ás que temos dereito como representantes electos dos cidadáns nas Cortes Xerais”, lamentou o deputado ourensán Celso Delgado.

Para os representantes do PP, “era decisivo coñecer o estado dos contratos entre o ministerio e Ineco referidos ás variantes e se ían someter estes proxectos a información pública, posto que o propio Goberno dicía en febreiro de 2020 que contaba cos estudos informativos redactados”. Explica Delgado que “a nosa intención era pedir que se confirmara a execución destas variantes e se concretara un cronograma crible para a súa posta en servizo, pero agora o Goberno limítase a incluír a frase "sen prexuízo de actuacións a maior prazo", o que ao noso xuízo significa que non o teñen previsto facer, e dicir unha negativa rotunda”.

“Non imos render -advertiu Celso Delgado- porque desde o PP seguiremos presentando cantas iniciativas parlamentarias sexan necesarias para que o ministerio e Adif rectifiquen a súa decisión”, lembrando que xa están rexistradas as peticións de comparecencia no Congreso do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e da presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera.

Esta reclamación, non obstante, “non impide que recoñezamos e valoremos o investimento previsto de 546 millóns de euros para modernizar a liña ferroviaria Ourense-Lugo, aínda que en 2018, cando durante o goberno de Rajoy se presentou o primeiro proxecto de mellora, o orzamento superaba os 1.000 millóns de euros e incluía ás variantes.

Unha soa resposta a dúas preguntas moi concretas.

Os deputados do PPP por Ourense Lugo rexistraron no Congreso o 23 de febreiro dúas preguntas moi concretas sobre as dúas variantes. A primeira delas, Os Peares-Canabal, de 12 quilómetros de lonxitude, que permite un aforro de tempo máximo de 11 minutos e require un investimento de preto de 530 millóns de euros. A segunda, a de Rubián,  tería 19 quilómetros, aforraría ata 12 minutos e suporía un investimento de uns 440 millóns de euros.

 As preguntas eran:

      ¿Están activos ou suspendidos os contratos subscritos polo MITMA con  INECO referidos ás variantes dos Peares-Canabal e Rubián, imprescindibles para a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense-Monforte de Lemos-Lugo?

      ¿Cando vai o Goberno para someter a información pública as variantes, imprescindibles para a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, confirmando de modo efectivo a súa execución e concretando un cronograma creíble para a súa posta en servizo?

A resposta do Goberno de onte mesmo (6 de abril) é idéntica en ambos os dous casos:

      En relación co asunto interesado, sinálase que sen prexuízo de actuacións a maior prazo, nestes momentos o Goberno, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e ADIF, está concentrado na mellora da liña existente, onde investirá 546 millóns de euros na modernización e mellora do corredor”.

 

 

Con la tecnología de Blogger.