lunes, 1 de marzo de 2021

Coñecendo o anteproxecto para implantación dunha terminal de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas

Viaxo hoxe ata o polígono industrial de San Cibrao das Viñas para reunirme co presidente da súa Asociación de Empresarios, José Antonio Rodríguez Araujo e coa xerente Yolanda López.

O obxecto era coñecer de primeira man o anteproxecto que ese colectivo encargou ao arquitecto Fernando  J. Martínez Lamas para estudar as posibilidades da implantación dunha nova terminal de mercadorías para dar servizo ao Polígono de San Cibrao.

Situaríase na zona sureste do perímetro do polígono, na  colindancia coa Cidade do Transporte, promovida pola Xunta de Galicia así como unha ampliación da mesma cara a Castroverde.

O terreo reservado para esta localización é contiguo á liña férrea actual de Ourense a Zamora, unha liña convencional que en canto entre en servizo o novo trazado do tren de alta velocidade, quedaría para uso maioritario de trens mercantes.

O anteproxecto fai unha análise da situación actual da recepción/expedición de mercadorías na cidade de Ourense, chegando á conclusión de que a estación Ourense- Empalme está  sobredimensionada, pois a súa zona de mercadorías duns 140.000 metros cadrados só move o 10 % das mercadorías provinciais. O restante 90 % móvese en Taboadela (onde se manexan os residuos sólidos urbanos que se envían a SOGAMA) e no  cargadeiro de COREN que fornece cereais para a súa planta de produción de pensos.

Expón un deseño da terminal optimizando recursos, conectando dúas vías  pasantes e dúas mortas a ambos os dous lados dunha plataforma de descarga e conectadas á súa vez á vía que comunica a estación de Taboadela e a terminal de COREN.

Estima o anteproxecto que os polígonos beneficiados pola construción da estación na nova localización serían os San Cibrao (4,5 millóns de  m2, con 350 empresas situadas e 8.000 traballadores e pendente de ampliar 400.000  m2); o de Pereiro de Aguiar (con 602.000  m2, 70 empresas e 1.500 traballadores), o de Barreiros (446.000  m2, 100 empresas e 2.500 empregados); e o de  Seixalbo (943.000  m2, 40 empresas e 600 traballadores).

Inclúe finalmente unha estimación orzamentaria.

Na reunión transmitín ao presidente da Asociación o meu reiterado compromiso para seguir reivindicando esa petición, que agora se reforza co citado anteproxecto.

Recordo que o 3 de xaneiro de 2020 rexistrei,  coa miña compañeira deputada Ana Vázquez, no Congreso unha pregunta escrita que dicía: ¿Está disposto o Ministerio de Fomento a ordenar a realización dun estudo do proxecto de construción dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas?”

Pois ben con data  10 de febreiro de 2020 o Goberno respostou sinalando que “en relación co asunto interesado, sinálase que non hai previstas a curto/medio prazo actuacións para o establecemento dunha terminal de transporte de mercadorías no polígono industrial referenciado”.

Certamente unha resposta decepcionante, que non nos desanima, pois seguiremos traballando en coordinación coa Asociación de Empresarios, o Concello de San Cibrao e as administracións autonómicas e provincial para conseguir que o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana e ADIF atendan esta sensata e razoada demanda.