domingo, 7 de febrero de 2021

In memoriam de José Ramón Ónega, un galego "con luz propia"

Recibo hoxe a nova de que por mor da maldita pandemia da Covid-19, José Ramón Ónega, director da Casa de Galicia en Madrid, faleceu nas últimas horas.

Lamento moitísimo o pasamento de quen era delegado da Xunta na capital de España.

Desde que comecei a miña andaina parlamentaria en Madrid, tiven moitas ocasións de visitar a Casa de Galicia, onde José Ramón exercía de perfecto anfitrión.

Sempre con profesionalidade, con extrema amabilidade e simpatía, soubo gañar o afecto e respecto de todos, porque a todos trataba por igual.

O presidente Feijóo tense referido a José Ramón Ónega como “o mellor embaixador que puido ter Galicia en Madrid” e incidiu en que formaba parte “desa ampla lexión de galegos que souberon galeguizar Madrid” e valorando “o seu esforzo por converter a Casa de Galicia nunha casa coas portas abertas para a sociedade, a cultura ou as empresas con raíces na nosa terra”. Estou totalmente dacordo con estas verbas do presidente da Xunta.

Agora repasando os arquivos deste Blog, vexo unha entrada publicada o catorce de decembro de 2016, na que daba conta de que na Casa de Galicia e presidido polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega tiña lugar a presentación do programa “Un paseo polo Nadal de Galicia” pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pensado para promover a oferta turística da Comunidade nesta época daquel ano.

Nese acto participaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez presentando a campaña do Nadal "Ourense con luz propia". Eu como ourensán destinado en Madrid, acompañábaos.

Esta foto na que está José Ramón sorrindo, e sostendo un cartel no que figura o lema “ con luz propia” é ben axeitado para definir a ese gran galego de Mosteiro, Pol.

Descanse en Paz.