sábado, 3 de octubre de 2020

Feijóo :” O problema actual de España non é o modelo de Estado, senón a gobernanza“

presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o problema actual de España non é o modelo de Estado, senón a gobernanza. “Nesta pandemia consolidamos o Estado das autonomías”, aseverou, incidindo en que as comunidades estiveron “á altura das circunstancias”.

Feijóo participou esta mañá na mesa El reto de gobernar la pandemia, enmarcada no Foro La Toja-Vínculo Atlántico, xunto cos seus homólogos de Andalucía, Juan Manuel Moreno, e de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page.

“Neste momento a xestión das comunidades autónomas é moito máis sólida, moito máis leal, moito máis constitucional, con carácter xeral, que a propia gobernanza do Goberno central”, abundou, engadindo que o Estado das Autonomías é un modelo cun “balance positivo” que veu funcionando “con bastante boa nota” nos últimos anos e proba diso son os índices económicos e de benestar.

Así mesmo, o titular do Goberno galego insistiu na importancia da xestión dos asuntos e recursos públicos, como a necesidade da aprobación dos presupostos xerais, para a partir de aí “ir mellorando e axustando” o modelo de Estado, pois todos os modelos “son perfectibles”.

“España ten aínda partidos políticos que cren no país, no modelo, nas liberdades, na Constitución, no Estado de dereito, na independencia do poder xudicial, e que cren que as cousas se fixeron ben pero teñen que mellorar”, sinalou en referencia a que o Estado autonómico pode ser cómplice na mellora da gobernanza do país.

Por último, Feijóo reflexionou que en España “a política non estivo á altura dos españois”. “Probablemente os políticos temos que facer serias reflexións para volver a conectar co que os españois nos piden”, concluíu.