sábado, 24 de octubre de 2020

A Xuta proxecta unha fonte ornamental na estación de autobuses da intermodal de Ourense

Divulga hoxe a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que última o proxecto de execución dunha fonte ornamental na estación de autobuses da intermodal de Ourense, actualmente en fase de construción, cun deseño acorde coa cultura da augas e das termas.

A proposta, deseñada polo estudo de arquitectos da cidade de Ourense Müller-Feijoo, conta cun orzamento estimado de preto de 48.000 euros. O obxectivo é poder impulsar a execución desta actuación a finais deste mesmo ano.

Na súa concepción, a estrutura evoca as augas termais e As Burgas. A fonte comporase de distintos aneis polos que discorrerá a auga ata un máis profundo, que se converte nunha lámina de auga, na que se situarán boquillas con efectos de nubes de  pulverización.

A fonte ornamental disporá ademais de iluminación, oculta baixo os aneis, que permitirán realzar a súa estrutura e visualizar o efecto “nube” na auga.

Segundo o proxecto da Xunta, a estrutura da fonte ornamental conformarase a través  de pezas prefabricadas en formigón arquitectónico en base branca ou gris, de granulometría seleccionada, que se irán escurecendo e cambiando a medida que aumenta a profundidade.