domingo, 11 de octubre de 2020

A Xunta de Galicia lamenta a falta de compromiso e avances na LAV ferroviaria entre Vigo e Porto


Hoxe a Xunta de Galicia nun comunicado lamentou a falta de compromiso e avances na liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto, o que xa fai inviable que esa infraestrutura poida estar en servizo antes de 2030.

“Para o Goberno galego é unha mala noticia que o Cumio Ibérico celebrado onte na cidade lusa da Guarda e na que participou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro portugués, Antonio Costa, non prestase atención ás necesidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.


O fortalecemento da Eurorrexión precisa de infraestruturas de comunicación de calidade e, nese contexto, a liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto está identificada como unha actuación estratéxica.


O desenvolvemento da Eurorrexón Galicia-Norte de Portugal precisa contar cunha liña ferroviaria que permita acadar tempos de viaxe competitivos entre as súas cidades de referencia, Vigo e Porto, para o que non resulta suficiente a electrificación da liña actual que se está a executar. 


Así está recoñecido por ambos os dous gobernos e a planificación de infraestruturas do Executivo español inclúe, desde hai anos, a execución dunha liña de novo trazado para conectar Vigo coa fronteira portuguesa, clave para o desenvolvemento e a calidade de vida de Galicia e do Norte de Portugal, por canto suporá unha redución dun 57% dos tempos de percorrido. 


O treito de alta velocidade entre Vigo e a fronteira portuguesa comprende uns 21 quilómetros e un investimento estimado de 578 millóns de euros.


Nos últimos anos, as únicas actuacións impulsadas polo Goberno de España restrínxense á mellora da liña xa existente.


Hai que ter en conta que a incorporación das liñas ferroviarias do Noroeste español ao trazado do Corredor Atlántico abre unha oportunidade inédita de desenvolvemento das infraestruturas de conexión con Portugal con financiamento comunitario, que inclúe, ademais, liñas especiais de fomento das conexións transfronteirizas.


Neste sentido, a Xunta xa trasladou ao Goberno central un completo estudo custo-beneficio que acredita a rendibilidade da Saída sur de Vigo, sen que, ata o momento, teña obtido resposta por parte do Executivo español. 


Lamentablemente para o Goberno galego, no Cumio Ibérico de onte tampouco se concretou ningunha decisión sobre un impulso decidido ao AVE Vigo-Porto.


No contexto actual, e tendo en conta a falta de avances nas tramitacións dos proxectos nos últimos anos, a posta en servizo da liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto non se poderá pór en servizo ata 2030.”