Feijóo : “ O virus non colle vacacións. Non podemos baixar a garda”

Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou aos galegos e galegas das decisións acordadas pola Xunta, tras escoitar ao comité clínico de expertos sanitarios, ante a actual situación epidemiolóxica. Estas medidas, precisou, entrarán en vigor mañá despois da súa publicación esta tarde no DOG.

Feijóo explicou que aínda que a situación epidemiolóxica é boa en Galicia –cunha taxa de incidencia acumulada nos últimos 14 días catro veces inferior á de España– houbo un empeoramento coa apertura de fronteiras. Primeiro na zona da Mariña, que actualmente está en fase de resolución; e despois na área da Coruña, onde a situación é especialmente preocupante.

Por este motivo, dixo, nesta área manteranse as restricións implantadas nos últimos días en relación á prohibición do ocio nocturno; limitación das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; redución do aforo ata o 50% nos comercios e hostalería; restrición das visitas e saídas de usuarios de residencias; e peche dos centros de día.

Como novidades, o titular da Xunta avanzou que se intensificará o rastrexo dos casos, cun aumento das PCR e a posibilidade de levar a cabo un cribado aleatorio entre os sectores da poboación máis afectados. A este respecto, cabería a posibilidade de incrementar ata as 1.200 as probas PCR que se realizan na área de Coruña.

Do mesmo xeito, Feijóo sinalou que se solicitará aos concellos e a Delegación do Goberno que, a través das súas policías locais e Forzas de Seguridade do Estado, estean vixiantes e proactivos ante a necesidade de reforzar as medidas de control.

Ademais de todo o anterior, o presidente do Goberno galego trasladou outras dúas medidas que se están a analizar nestes momentos: a posibilidade de restrinxir o número de acompañantes aos enfermos hospitalizados na área sanitaria da Coruña e a posibilidade de ampliar a restrición do ocio nocturno a máis zonas de Galicia.

Non se prevé establecer medidas de control xeral á mobilidade de momento


Por outra banda, Feijóo adiantou que, polo momento, non se prevé establecer medidas de control xeral da mobilidade, sen prexuízo de que isto poida variar nos vindeiros días: “O comité clínico volverá reunirse dentro dunha semana para decidir se se manteñen, suavizan ou incrementar as medidas”, aseverou.

A maiores, o comité clínico tamén analizou un protocolo de actuación relativo aos traballadores temporeiros, con medidas de prevención e control que cobran especial relevancia coa recolección de froitos e a vendima no próximo mes.

Prohibición de fumar en rúas e terrazas se non se mantén a distancia


Finalmente, outra das cuestións abordadas foi a prohibición, en toda Galicia, de fumar nas rúas e terrazas cando non se poida manter a distancia de seguridade.

Ao longo da súa intervención, o mandatario galego volveu insistir na necesidade dunha reforma legal que permita ás CCAA ter autoridade e adoptar medidas con respaldo legal no ámbito da Lei orgánica de saúde pública. Unha reclamación que xa fora trasladada en todas as conferencias de presidente e que hoxe, sinalou, “é un clamor”.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención agradecendo aos profesionais da sanidade pública o seu labor profesional e compromiso e facendo un chamamento á responsabilidade individual, especialmente aos máis novos: “O virus non colle vacacións. Non podemos baixar a garda”, finalizou.

Con la tecnología de Blogger.