miércoles, 19 de agosto de 2020

A Xunta proporá que as máscaras sexan obrigatorias nas aulas para profesorado e alumnado maior de seis anos

Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou tras a reunión do Comité clínico de expertos sanitarios, que a Xunta proporá que as máscaras sexan obrigatorias en todo momento nas aulas para profesorado e alumnado de máis de seis anos, “unha proposta sanitariamente correcta e epidemioloxicamente fundada”.

Feijóo ratificou que “o que máis nos preocupa é a volta ás aulas e o protocolo do inicio do curso escolar”, antes de engadir que o comité clínico revisará o protocolo elaborado en coordinación coas Consellerías de Educación e Sanidade para actualizalo, tanto en función da evolución da pandemia como co que se acorde na conferencia de presidentes, da que aínda non hai data de celebración. 

Neste senso, Feijóo reclamou un protocolo único para todo o sistema educativo español porque “necesitamos criterios claros e homoxéneos”.

Por outra banda, o presidente lembrou a decisión de incorporar a 240 novos docentes para cumprir a ratio de 25 alumnos por aula. Ademais, a partir da vindeira semana, comezaranse a realizar probas serolóxicas a todo o persoal dos centros de ensino non universitario e de FP. “Serán en total 40.000 profesionais os que participarán nesta mostraxe, previa ao inicio do curso escolar, buscando, coma sempre, a máxima seguridade”, sinalou.

Salientar que nestes días os responsables educativos dos Centros traballan na aplicación do protocolo anticovid-19 para a volta ás aulas nos centros educativos.

Neles debe existir un grupo covid, e un responsable que se encargará de conectar co Punto de Atención Continuada.

Contarán cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

Tamén organizanse  as entradas e saídas diferenciadas, e o servizo de comedor escolar.